Avante Ourense aposta por declarar Ourense zona tensionada, mobilizar as vivendas baleiras e ampliar o parque de alugueiro social.

Redacción

Francisco Diéguez: “non podemos aceptar que miles de vivendas permanezan baleiras mentres moitas persoas non poden acceder a un fogar. A vivenda non pode seguir sendo un privilexio; ten que volver ser un dereito garantido polas administracións públicas.”

O acceso á vivenda converteuse nun dos principais problemas para milleiros de persoas tamén en Ourense. A dificultade para atopar un alugueiro a un prezo asumible, a existencia de miles de vivendas baleiras e as dificultades da mocidade para emanciparse esixen, segundo Avante Ourense, unha resposta decidida das administracións.

Por iso, vimos de presentar un paquete de medidas co obxectivo de aumentar a oferta de vivenda accesible e facilitar que máis persoas poidan desenvolver o seu
proxecto de vida na cidade.

Entre as propostas destaca a solicitude á Xunta de Galicia para declarar Ourense zona de mercado residencial tensionado, sempre que se cumpran os requisitos legais, co fin de facilitar a aplicación de medidas que contribúan a mellorar o acceso á vivenda.

Avante Ourense tamén propón incrementar o recargo do IBI ás vivendas baleiras en mans de grandes tenedores, así como suspender temporalmente a concesión de novas licenzas para vivendas de uso turístico ata avaliar o seu impacto sobre o mercado residencial.

A plataforma defende ademais alcanzar acordos coa Xunta para mobilizar progresivamente as miles de vivendas baleiras existentes na cidade, mediante programas de rehabilitación, incentivos e garantías aos propietarios que permitan incorporalas ao mercado do alugueiro accesible.

Como complemento, Avante Ourense aposta por ampliar os programas de rehabilitación de edificios e inmobles en desuso para destinalos a alugueiro social, así como pola creación dunha Oficina Municipal da Vivenda, que asesore á cidadanía, centralice as axudas públicas e facilite todos os trámites relacionados coa vivenda.

Desde Avante Ourense lembramos que esta é a primeira das dez áreas estratéxicas que presentarán nas próximas semanas dentro da campaña “Ourense merece máis”, coa que pretenden abrir un debate sobre os principais retos da cidade e achegar propostas concretas e viables para mellorar a vida da veciñanza.

Comparte este artigo