Francisco Diéguez: ‘’O alcalde parecía máis preocupado por poñer a árbore de nadalmque por preservar o patrimonio da cidade, e a Xunta parece disposta a mirar cara a outro lado. A Fonte Oseira non merece este abandono institucional”
A formación considera inadmisible que a protección dun elemento patrimonial destas características dependa exclusivamente dun goberno municipal mentres continúa sen aclararse se será declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
Avante Ourense considera unha auténtica vergoña que a protección da Fonte Oseira quede, na práctica, en mans do Concello de Ourense, mentres seguimos sen coñecer se este elemento patrimonial será finalmente declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
A resposta trasladada pola Administración autonómica competente en materia de Patrimonio, alegando que carece de competencias para intervir, resulta profundamente decepcionante. Non estamos falando unicamente de quen ten atribuídas determinadas competencias administrativas, senón da obriga das institucións públicas de velar pola conservación do noso patrimonio e buscar, dentro do marco legal vixente, as fórmulas necesarias para evitar o seu deterioro ou desaparición.
Desde Avante Ourense consideramos especialmente preocupante que Patrimonio non contemple sequera explorar posibles vías de intervención, supervisión ou protección dentro das súas atribucións legais, e se limite a trasladar a responsabilidade ao Concello de Ourense.
A situación resulta aínda máis preocupante cando o alcalde de Ourense non está a demostrar unha vontade efectiva de protexer a Fonte Oseira. Non se pode deixar a conservación dun elemento do noso patrimonio histórico e cultural exclusivamente en mans de quen está promovendo unha actuación que pode comprometer a súa integridade.
O patrimonio de Ourense non pode depender da vontade política dun alcalde nin quedar desprotexido por un cruzamento de competencias entre administracións.
Ourense merece institucións que protexan o seu patrimonio, non administracións que se limiten a trasladarse responsabilidades mentres os elementos que forman parte da nosa identidade permanecen nunha situación de incerteza.
A Fonte Oseira é patrimonio de todos os ourensáns e ourensás. A súa protección non pode quedar á mercé da indiferenza institucional.

