Avante Ourense esixe dimisións pola crise da Inspección Educativa

Redacción

Pide a dimisión dos directores territoriais de Educación de Ourense e Pontevedra e do conselleiro pola perda de credibilidade do servizo.

A plataforma considera que os últimos acontecementos evidencian un patrón preocupante que está a deteriorar a confianza da comunidade educativa na Inspección. Entre estes casos atópase o ocorrido esta semana no CEIP Santa Mariña de Vigo, onde existen recursos presentados ante a Consellería de Educación e denuncias ante a Inspección Xeral de Servizos tras unha actuación do equipo directivo e da Inspección Educativa que, segundo denuncia o docente afectado, puido supoñer unha limitación inxustificada dos seus dereitos administrativos, aplicando un criterio que considera alleo á normativa vixente e que, pese a ser expresamente cuestionado, nunca foi suficientemente motivado nin fundamentado pola Administración.

A este episodio súmanse a polémica vivida no CEIP Froebel de Pontevedra, coa retirada de materiais educativos relacionados coa loita contra a LGTBIfobia, e as recentes denuncias públicas da Marcha Mundial das Mulleres sobre presuntas situacións de violencia machista no IES Xulio Prieto Nespereira de Ourense, nas que se reclamou unha resposta firme da Administración.
“Non estamos diante de feitos illados. A Inspección Educativa acumula controversias en ámbitos moi distintos e está a perder a confianza da comunidade educativa. Cando un órgano chamado a garantir o cumprimento da lei deixa de ser percibido como imparcial e rigoroso, o problema xa é estrutural” afirma Francisco Diéguez

Para Avante Ourense, a Inspección Educativa afastouse das funcións para as que foi creada.
‘’A sensación cada vez máis estendida entre o profesorado é que hoxe responde principalmente ás reclamacións das familias, mentres os docentes e os equipos directivos quedan con demasiada frecuencia nunha situación de desprotección” explica Diéguez

A plataforma considera especialmente preocupante que o profesorado teña que recorrer cada vez máis a recursos e denuncias simplemente para defender os seus dereitos. Para Avante Ourense, esta acumulación de conflitos evidencia un fracaso na dirección política do servizo.

Por todo iso, reclamamos a dimisión inmediata dos directores territoriais de Ourense e Pontevedra, así como a dimisión do conselleiro de Educación, e esixe unha reforma profunda da Inspección Educativa para garantir actuacións rigorosas, resolucións motivadas e unha verdadeira protección dos dereitos do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa.
“A educación pública galega merece unha Inspección Educativa independente, transparente e ao servizo da legalidade, non da burocracia nin da improvisación. Se a confianza se perde e ninguén asume responsabilidades, o cambio deixa de ser unha opción para converterse nunha necesidade.”

Comparte este artigo