Francisco Diéguez: ‘’ É triste e vergonzoso que teña que ser unha plataforma cidadá, e non o propio goberno municipal nin unha oposición que leva anos sentada no Concello, quen teña que acudir ás administracións para intentar coñecer e explicar aos ourensáns a situación real das súas contas. Se eles non abren as contas do Concello, farémolo nós.’’
A plataforma reclama transparencia ante os problemas económicos dos últimos meses e critica a falta de contundencia da oposición municipal
Avante Ourense vén de presentar unha batería de escritos ante o Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Facenda e o Consello de Contas para reclamar información e transparencia sobre a situación económico-financeira municipal e coñecer as actuacións que están desenvolvendo as administracións competentes.
A iniciativa chega tras meses marcados por diferentes problemas relacionados coas contas e os pagamentos municipais, con situacións que chegaron a afectar a traballadores de servizos como o transporte urbano ou o guindastre, ademais dos incumprimentos das regras fiscais e a necesidade dun Plan Económico-Financeiro derivado da liquidación de 2025.
Avante busca coñecer a execución real dos orzamentos, as obrigas pendentes de pagamento, as modificacións orzamentarias, a situación do Plan Económico-Financeiro e os posibles incumprimentos ou requirimentos existentes.
Para iso, solicita información ao Concello e ás administracións con competencias financeiras e traslada tamén a situación ao Consello de Contas, que xa ten prevista unha fiscalización selectiva do Concello de Ourense.
Avante considera que os problemas dos últimos meses deberían ter provocado unha resposta moito máis contundente por parte dos grupos municipais. A plataforma critica que a oposición se limite a denunciar episodios concretos sen conseguir ofrecer á cidadanía unha radiografía completa da situación económica municipal nin fiscalizar con suficiente contundencia a xestión de Jácome.
Desde Avante consideramos ourensáns teñen dereito a coñecer canto ingresa o Concello, canto gasta, onde van os recursos públicos, que obrigas permanecen pendentes e que consecuencias pode ter a situación financeira sobre os servizos e investimentos da cidade.
A plataforma contrastará agora as respostas das diferentes administracións e fará públicos os resultados para que a cidadanía poida coñecer de maneira comprensible a situación económica municipal.
«Ourense merece coñecer a situación real das súas contas antes de falar dos próximos orzamentos», conclúe Diéguez.

