Avante Ourense leva o contrato da ZBE aos órganos de supervisión e advirte: “Ao menor indicio de delito, acudiremos á Fiscalía”

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’O Concello non é o cortello persoal do Sr. Jácome, e 750.000 euros de diñeiro público non se poden xestionar sen todas as garantías. Ao menor indicio de delito, acudiremos á Fiscalía. Nin ameazas nin titulares: documentos na man e ata onde sexa necesario.”

Avante Ourense solicita toda a documentación relativa ao contrato de máis de 750.000 euros para o control de accesos á Zona de Baixas Emisións e poñerá os feitos en coñecemento da OIReScon e do Consello de Contas de Galicia.

A decisión prodúcese tras coñecerse que o Concello pretende continuar coa adxudicación despois de terse producido, segundo a documentación municipal citada pola prensa, unha “omisión da fiscalización previa da adxudicación do contrato”.

Desde Avante Ourense consideramos que máis de 750.000 euros de diñeiro público esixen o máximo control e transparencia. Por iso reclamaremos o expediente íntegro, o informe da Intervención municipal sobre a omisión da fiscalización e todos os informes xurídicos, técnicos e económicos relacionados coa decisión de continuar a tramitación.

Paralelamente, trasladamos os feitos á Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación (OIReScon), do Ministerio de Facenda, e ao Consello de Contas de Galicia para que, dentro das súas respectivas competencias, poidan coñecer e valorar o sucedido.
“Se todo se fixo conforme á legalidade, que se entreguen os informes e que se explique con absoluta transparencia. E se non foi así, esixiremos que se depuren todas as responsabilidades que correspondan, caia quen caia.”

Comparte este artigo