Francisco Diéguez: ‘’Barrocás merece unha piscina, pero non entendemos que para construír novos equipamentos teñamos que sacrificar zonas verdes. Se existían outras localizacións posibles, o Concello ten que explicar por que decidiu ocupar este espazo e por que descartou as alternativas’’.
A plataforma apoia a creación da nova instalación pública, pero cuestiona que se transforme parte dun espazo verde sen coñecer se o Concello estudou outras localizacións
Avante Ourense solicitou formalmente ao Concello información sobre os criterios empregados para escoller a localización da nova área lúdica acuática de Barrocás, cuxas obras veñen de comezar no ámbito do parque Angelita Paradela.
A plataforma deixa claro que valora positivamente que Barrocás conte cunha nova piscina pública, pero considera necesario explicar por que se optou por unha localización que supón transformar parte dun espazo verde existente e se previamente se estudaron outras alternativas no barrio.
Avante solicitou coñecer os criterios técnicos, urbanísticos, económicos, ambientais e de accesibilidade empregados para seleccionar o emprazamento. Tamén pregunta expresamente se se estudaron outras parcelas, cales foron e por que motivos se descartaron, así como a superficie verde que resultará afectada polo proxecto.
A plataforma considera especialmente necesario coñecer esta información antes de asumir que a actual localización era a única ou a mellor alternativa posible.
Avante Ourense defende un modelo de cidade no que a ampliación dos servizos públicos e a creación de novas zonas de lecer vaian da man da protección e ampliación das zonas verdes, especialmente nun contexto no que resulta necesario avanzar cara a unha cidade máis habitable e preparada fronte ao aumento das temperaturas.

