Avante Ourense presenta un plan integral para reforzar a seguridade e os servizos de emerxencias da cidade

Redacción

Francisco Diéguez: “Quen nos protexe tamén merece sentirse protexido. Non podemos seguir esixindo máis aos nosos profesionais sen ofrecerlles os recursos humanos e materiais que necesitan para facer o seu traballo con seguridade e eficacia.”

Avante Ourense presenta hoxe as súas propostas en materia de seguridade, emerxencias e convivencia dentro da campaña “Ourense merece máis”, defendendo un modelo baseado na prevención, na proximidade e no reforzo dos servizos públicos.

A plataforma considera que a seguridade non pode reducirse a unicamente aumentar a presenza policial, senón que require unha planificación integral que permita mellorar a capacidade de resposta da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil, ao tempo que se reforzan a prevención, a seguridade viaria e a convivencia nos barrios.

Entre as principais medidas destaca a creación dun Plan Municipal de Policía de Barrio, a modernización dos medios da Policía Local, o incremento progresivo do seu cadro de persoal e un Plan de Reforzo do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) para mellorar os recursos humanos e materiais dos bombeiros municipais.

Avante Ourense tamén impulsará un Plan Municipal de Reforzo de Protección Civil, co obxectivo de aumentar o número de voluntarios, ampliar as súas funcións preventivas, renovar os seus equipamentos e mellorar a coordinación co resto dos servizos de emerxencias.

As propostas complétanse cun novo Plan Municipal de Emerxencias, un programa para converter Ourense nunha Cidade Cardioprotexida, actuacións para mellorar a seguridade viaria, unha Unidade Municipal de Mediación Comunitaria, un Plan de Iluminación Pública Segura e novas medidas de prevención da violencia machista e dos delitos de odio.

Desde Avante Ourense lembramos que esta é a novena das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade máis segura, máis preparada e cunha mellor capacidade de resposta ante os retos do presente e do futuro.

Comparte este artigo