Avante Ourense presenta un plan para revitalizar a economía local apostando por atraer empresas, apoiar o comercio local e impulsar un Plan de Retorno do Talento en colaboración coa Universidade

Redacción

Francisco Diéguez: “Ourense non necesita resignación. Necesita ambición. Non podemos seguir vendo como pechan negocios mentres a nosa mocidade marcha porque aquí non atopa oportunidades. O Concello ten que liderar a recuperación económica da cidade.”

Avante Ourense presentou hoxe as súas propostas en materia de comercio, emprego e desenvolvemento económico dentro da campaña “Ourense merece máis”, cun obxectivo claro: recuperar o pulso económico da cidade e crear oportunidades para que a mocidade poida desenvolver aquí o seu proxecto de vida.

A plataforma considera que Ourense leva anos perdendo actividade económica, vendo como pechan comercios, baixan persianas e moitos mozos e mozas marchan fóra por falta de oportunidades. Fronte a esta situación, Avante defende unha política municipal máis ambiciosa, na que o Concello deixe de ser un simple tramitador para converterse nun verdadeiro motor económico.

Entre as principais medidas destaca un Plan de Choque contra os Locais Baleiros, coa creación dun censo municipal, unha Bolsa de Locais, incentivos para a súa posta en uso e apoio á apertura de novos negocios. A plataforma tamén impulsará un plan específico para revitalizar o casco histórico, a creación da Oficina Municipal de Empresa e Emprendemento e o compromiso “Concello 30 días”, para que as licenzas municipais vinculadas á apertura de negocios se resolvan nun prazo máximo de trinta días.

Avante Ourense tamén aposta por un Plan Municipal de Reindustrialización e Captación de Empresas, pola implantación da cláusula “Compra Ourense” nos contratos municipais, pola creación da marca “Feito en Ourense”, que promocionará os produtos, empresas e servizos da cidade mediante campañas en Galicia, no conxunto de España e tamén no exterior, e pola constitución dun Consello Económico Municipal que reúna aos principais axentes económicos para deseñar unha estratexia de futuro.

Un dos piares da proposta será o Plan Municipal de Retorno do Talento, desenvolvido en colaboración coa Universidade de Vigo, o Campus de Ourense, empresas e administracións públicas. O obxectivo é facilitar que o talento formado na cidade poida atopar oportunidades laborais e emprendedoras sen verse obrigado a marchar.

Desde Avante Ourense lembran que esta é a quinta das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade con máis oportunidades, máis emprego e máis futuro.

Comparte este artigo