Avante Ourense propón garantir a reposición inmediata dos conserxes, impulsar un plan de climatización dos centros educativos e reforzar a colaboración co Campus de Ourense.

Redacción

Francisco Diéguez: “Non podemos aceptar que cada ano o alumnado e o profesorado teñan que soportar temperaturas extremas nas aulas e nos patios mentres as administracións se pasan a responsabilidade dunhas a outras. O Concello ten que asumir o liderado, facer todo o que estea nas súas mans e esixir á Xunta que cumpra tamén coa súa parte.”

Avante Ourense presenta hoxe as súas propostas en materia de educación dentro da campaña “Ourense merece máis”, defendendo unha política educativa municipal máis ambiciosa e comprometida coa comunidade educativa.

Aínda que as principais competencias corresponden á Xunta de Galicia, o Concello tamén ten un papel fundamental na mellora das condicións dos centros educativos, na seguridade das contornas escolares, no apoio ás familias e na colaboración cos centros e coa Universidade.

Entre as principais medidas destaca a reposición inmediata do persoal de conserxería de titularidade municipal, garantindo que ningún centro educativo quede sen este servizo esencial por falta de substitucións.

Avante Ourense tamén promoverá un Plan de Climatización dos centros educativos públicos, mediante un convenio coa Xunta de Galicia, impulsando a renaturalización dos patios, a creación de zonas de sombra, a plantación de arborado e todas aquelas actuacións que permitan adaptar os colexios e institutos ás altas temperaturas que sofre a cidade.

As propostas complétanse cun Plan Municipal de Mantemento dos centros educativos, a apertura dos patios escolares fóra do horario lectivo, a creación de camiños escolares seguros, novas axudas municipais ás familias, un reforzo da colaboración co Campus de Ourense, a constitución dun Consello Municipal da Educación.

Desde Avante Ourense lembramos que esta é a sétima das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade que aposte pola igualdade de oportunidades e polo futuro da mocidade

Comparte este artigo