Francisco Diéguez: “A credibilidade da política mídese cando hai que tomar decisións incómodas. Se de verdade queremos recuperar a confianza da cidadanía, ningún interese partidista pode estar por enriba da transparencia, da exemplaridade e do respecto ás vítimas. É o momento de que todas as forzas progresistas asuman un compromiso claro e público.”
A plataforma insta a Besteiro e Natalia González a pronunciarse publicamente e pide que a defensa das vítimas estea sempre por riba dos intereses partidistas.
Avante Ourense propón que o PSdeG, o BNG, Sumar e Esquerda Unida asuman publicamente un compromiso ético polo que renuncien a pactar ou formar gobernos con formacións políticas que amparen, minimicen ou oculten presuntos casos de agresión sexual ou que non actúen coa transparencia e a dilixencia que estas situacións esixen. A plataforma considera que a cidadanía demanda unha resposta clara e coherente por parte das organizacións progresistas. A defensa das vítimas, a transparencia e a exemplaridade institucional deben situarse sempre por riba de calquera cálculo político ou electoral.
Neste contexto, Avante Ourense lamenta que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, continúe sen ofrecer explicacións públicas sobre este asunto, especialmente despois de participar nun acto xunto a José Tomé e tras as informacións coñecidas nas últimas semanas. A xuízo da plataforma, o silencio non contribúe a reforzar a confianza da cidadanía nin a disipar as dúbidas existentes.
Así mesmo, Avante Ourense considera que Natalia González tamén debería pronunciarse publicamente. Quen exerce responsabilidades políticas ten a obriga de explicar cal é a súa posición cando existen controversias desta natureza, especialmente en cuestións relacionadas coa igualdade, a protección das vítimas e a ética pública.
Para Avante Ourense, este compromiso debe ser asumido por todas as organizacións progresistas sen excepcións e con independencia das siglas afectadas. A coherencia non pode aplicarse só cando os feitos afectan ao adversario político.
Avante Ourense agarda que esta proposta sexa asumida polo conxunto das forzas progresistas e confía en que tanto José Ramón Gómez Besteiro como Natalia González se pronuncien publicamente nos próximos días, contribuíndo así a ofrecer as explicacións que unha parte importante da cidadanía está a reclamar

