Francisco Diéguez: ‘’Non podemos seguir falando de vivenda mentres as administracións se limitan a observar o mercado. Queremos un Concello que compre, rehabilite e poña vivenda pública a disposición da xente, empezando por recuperar zonas abandonadas do Casco Vello; e unha Xunta moito máis esixente con quen acumula grandes carteiras de vivenda. Se acceder a un fogar é cada vez máis difícil, as administracións teñen a obriga de intervir con máis ambición.”
A formación rexistra iniciativas ante o Concello, a Xunta e o Parlamento para ampliar o parque público, recuperar vivenda no Casco Vello e frear a concentración inmobiliaria
No ámbito municipal, Avante solicita ao Concello desenvolver a Oficina Municipal de Vivenda, proposta xa recollida no documento Ourense Merece Máis, e realizar os estudos necesarios para crear, vinculada a ela, unha Empresa Pública Municipal de Vivenda.
A nova estrutura permitiría ao Concello adquirir, rehabilitar, promover e xestionar directamente vivenda pública e asequible, creando progresivamente un parque municipal de vivenda.
Avante propón que unha das primeiras actuacións se centre no Casco Vello, adquirindo e rehabilitando inmobles baleiros ou deteriorados e prestando especial atención a zonas que presentan unha importante degradación, como a rúa Colón e a súa contorna. A formación considera que a política de vivenda pode servir tamén para recuperar poboación, actividade e patrimonio no centro histórico.
Máis presión sobre os grandes tenedores. Paralelamente, Avante trasladou á Xunta de Galicia unha proposta para endurecer considerablemente as medidas fronte á concentración de vivenda.
Entre elas propón ampliar o tenteo e retracto do IGVS ante adquisicións de grandes tenedores, establecer unha fiscalidade autonómica progresiva moito máis esixente coa acumulación de grandes carteiras e incrementar substancialmente os incentivos para mobilizar vivendas baleiras.
Nas zonas de mercado residencial tensionado, Avante reclama utilizar coa máxima intensidade as ferramentas permitidas pola lexislación, reforzando a intervención sobre grandes tenedores, a adquisición pública e a mobilización de vivenda baleira.
A proposta foi trasladada tamén ao Parlamento de Galicia, cunha apelación expresa aos grupos parlamentarios para que se posicionen e impulsen as reformas necesarias.
Avante Ourense reclama así unha política coordinada que combine intervención pública directa, rehabilitación, incremento do parque público e maior presión sobre a acumulación inmobiliaria.

