Francisco Diéguez: ‘’Podemos falar todo o que queiramos de mobilidade sostible e cidades modernas, pero non podemos estar no século XXI con autobuses do medievo. Que en 2026 unha persoa non poida subir a un autobús urbano de Ourense e pagar directamente coa súa tarxeta bancaria é difícil de entender”
Avante Ourense rexistrou no Concello unha batería de propostas para modernizar o transporte urbano da cidade, centradas na creación dunha única Tarxeta Milenio Xove e na implantación do pagamento con tarxeta bancaria e dispositivos contactless directamente nos autobuses.
A formación propón unificar as diferentes modalidades destinadas á mocidade nunha única Milenio Xove, garantindo a gratuidade entre os 0 e os 18 anos e permitindo a súa renovación anual ata o cumprimento dos 27 anos cando se acredite actividade formativa.
«Non ten ningún sentido que actualmente un rapaz ou rapaza poida viaxar gratis ata os 14 anos, teña que pagar aos 15 e volva ter acceso á gratuidade dos 16 aos 18.
Queremos acabar con este absurdo e facer o sistema moito máis sinxelo», explica o coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez.
A segunda proposta pasa por instalar nos autobuses urbanos sistemas que permitan pagar directamente cunha tarxeta bancaria, teléfono móbil ou reloxo intelixente, sen necesidade de dispoñer previamente dunha Tarxeta Milenio ou levar efectivo.
Avante Ourense considera que fomentar o transporte público require tamén facelo máis sinxelo, accesible e adaptado á vida diaria da cidadanía, especialmente para a mocidade e para aquelas persoas que utilizan o autobús de maneira ocasional.
Por este motivo, a formación solicita ao Concello que estude a viabilidade técnica, económica e xurídica das dúas medidas e avance na súa implantación.
‘’Modernizar o transporte público non consiste unicamente en cambiar liñas nun mapa. Tamén significa facilitar que a xente poida utilizalo. Son medidas sinxelas, perfectamente comprensibles e que poden mellorar o día a día de miles de persoas’’, conclúe Diéguez.

