Francisco Diéguez: ‘’Propoñemos que Ourense sexa o proxecto piloto desta formación. Ao profesorado ourensán non lle vai facer mal contar con máis ferramentas para actuar correctamente e ter claro algo que debe ser innegociable: ante unha vítima, o primeiro é protexela e estar do seu lado.”
A organización pide revisar os protocolos de Educación, protexer o profesorado fronte ao acoso das familias e converter Ourense nun proxecto piloto de formación
Avante Ourense reclama á Xunta unha revisión dos protocolos de protección do profesorado para reforzar a autoridade docente e garantir que ningún profesional quede só ante situacións de acoso, intimidación, ameazas ou presión reiterada por parte de familias ou membros da comunidade educativa.
A organización considera tamén imprescindible establecer unha formación obrigatoria e periódica para todo o profesorado sobre prevención e actuación ante posibles agresións sexuais contra menores, incluíndo o coñecemento dos protocolos, as obrigas legais, os sinais de alerta e a actuación correcta ante unha revelación.
“A autoridade docente non pode existir só no papel. Se a Xunta quere que o profesorado poña límites, ten que darlle ferramentas para defendelos. Un docente que é acosado por facer o seu traballo non pode quedar só.” afirma Francisco Diéguez.
Avante Ourense propón que Ourense sexa o proxecto piloto desta formación, xa que considera necesario dotar o profesorado ourensán de máis ferramentas para afrontar correctamente situacións especialmente delicadas.
A proposta inclúe tamén mecanismos específicos de intervención e apoio por parte da Inspección Educativa ante situacións de acoso ou presión sobre docentes, así como formación práctica mediante casos e simulacións que permitan coñecer que se debe facer e que actuacións deben evitarse para non interferir nunha posible investigación.
“Non queremos máis protocolos esquecidos nun caixón. Queremos profesorado formado, menores protexidos e unha Administración que responda cando chega o momento da verdade.” conclúe o coordinador.

