Avante Ourense reclama unha inspección inmediata das instalacións de acollida de animais

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Un animal abandonado xa sufriu bastante como para condenalo despois a pasar meses entre cemento e reixas. Se estas instalacións cumpren a lei, que o acrediten; e se non a cumpren, que deixen as escusas e actúen de inmediato. O benestar animal non pode quedar reducido a dar comida e un teito: estamos falando de seres vivos e dunha responsabilidade pública que non admite abandono nin indiferencia.’’

A plataforma pide á Xunta que revise as condicións do centro e reclama un prazo máximo de seis meses para executar as reformas que resulten necesarias Avante Ourense vén de solicitar formalmente á Xunta de Galicia unha inspección inmediata das instalacións destinadas á recollida e acollida de animais procedentes do municipio de Ourense, tras coñecer diferentes imaxes que suscitan preocupación sobre as condicións materiais nas que permanecen algúns dos cans.

A plataforma sinala que unhas fotografías non permiten determinar por si soas a existencia dun incumprimento legal, pero considera que existen motivos suficientes para que a Administración competente comprobe presencialmente se as instalacións cumpren todas as esixencias actuais en materia de protección e benestar animal.

No escrito presentado solicítase revisar o estado e salubridade das instalacións, dimensións e adecuación dos habitáculos, ventilación, protección fronte ás temperaturas extremas, zonas de descanso, limpeza, exercicio, paseo, socialización e enriquecemento ambiental, así como a atención veterinaria e a capacidade do centro. Avante Ourense lembra que a normativa estatal e galega obriga a garantir condicións adecuadas de benestar, hixiene, espazo e atención veterinaria aos animais acollidos.

Desde Avante Ourense reclamamos que calquera deficiencia que afecte directamente á saúde ou ao benestar dos animais sexa corrixida de maneira inmediata. Se a inspección determina que son necesarias reformas estruturais de maior entidade, solicita un plan de adecuación cun prazo máximo de seis meses para a súa completa execución.

Aclaramos que a iniciativa non pretende cuestionar o labor das persoas e voluntarios que atenden diariamente aos animais, senón garantir que dispoñan dos medios e instalacións adecuados.

Finalmente reclamamos á Xunta de Galicia e ao Concello de Ourense que exerzan as súas respectivas responsabilidades e garantan unhas instalacións dignas e plenamente adaptadas á normativa vixente.

Comparte este artigo