Silvia F.: ‘’O alcalde e a concelleira de Igualdade non poden agochar a súa falta de compromiso detrás de declaracións institucionais baleiras. Eliminar o Consello
Municipal de Igualdade mentres se responde con boas palabras ás reivindicacións feministas é unha contradición intolerable. As políticas de igualdade non se constrúen desmantelando espazos de participación: constrúense con vontade política, recursos e respecto polos dereitos das mulleres’’.
A organización reclama que os Puntos Violeta conten con recursos e medios efectivos e denuncia a contradición entre o discurso institucional e a intención de suprimir espazos de participación.
AVOU considera insuficiente a resposta remitida pola Concellería de Igualdade ás propostas trasladadas pola súa Secretaría de Feminismo. Aínda que o Concello manifesta a súa aposta por garantir Puntos Violeta en todas as festas populares, non concreta calendarios, recursos económicos nin medios humanos para facer efectivo ese compromiso.
A secretaria de Feminismo de AVOU afirma que ‘’a igualdade non se constrúe con declaracións institucionais nin con boas intencións. Precisa recursos, planificación e políticas públicas continuadas. Os Puntos Violeta deben ser espazos efectivos de prevención e atención, non simples medidas de escaparate’’.
A organización considera especialmente contraditorio que, mentres a Concellería proclama o seu compromiso coa igualdade, o Goberno municipal pretenda eliminar o Consello Municipal de Igualdade, un espazo fundamental para a participación e a interlocución co tecido asociativo.
Por este motivo, AVOU rexistrará un novo escrito solicitando concreción sobre a implantación dos Puntos Violeta, os recursos destinados a estes e o futuro do Consello Municipal de Igualdade.
A organización reclama ao Concello que substitúa as declaracións por compromisos verificables e que garanta unhas políticas de igualdade permanentes, dotadas de recursos e abertas á participación social.

