O Concello de Ourense abrirá este venres o prazo de inscrición para o Concurso de Escaparates de Nadal 2026

Redacción

Repartirá 6.250 euros en premios: 3 principais, 10 accésits e un especial de reciclaxe

Os establecementos interesados poderán anotarse ata o 15 de decembro, por correo electrónico

O Concello de Ourense abrirá desde pasado mañá, venres, 27 de novembro, ata o día 15 de decembro o prazo de inscrición para participar no Concurso de Escaparates de Nadal 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo dar visibilidade e apoiar o comercio local, así como dinamizar a actividade comercial e ambientar a cidade durante as datas festivas.

O certame está organizado coa colaboración do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Portovello e Eco Auriense UTE. Con esta cooperación búscase achegar o alumnado á realidade do sector comercial e fomentar a innovación educativa, ademais de promover a concienciación medioambiental coa reciclaxe e o emprego de materiais reciclados nas composicións.

Poderán concorrer todos os comercios de Ourense que conten con decoración de Nadal —tanto no escaparate coma na fachada—, exposta ao público, como mínimo, desde o 15 de decembro ata o 6 de xaneiro. As persoas titulares dos establecementos que desexen participar poderán inscribirse ata o 15 de decembro remitindo os datos do comercio ao enderezo electrónico concursoescaparates@ourense.gal. As bases completas da convocatoria están dispoñibles na web do Concello: www.ourense.gal.

As fotografías dos escaparates inscritos publicaranse nesta páxina web para que poidan ser consultadas por toda a cidadanía. O xurado do concurso valorará o impacto e o atractivo comercial das propostas, atendendo á súa calidade, estética e enfoque de márketing. O concurso outorgará premios por un total de 6.250 euros:

Primeiro premio: 1.000 euros
Segundo premio: 750 euros
Terceiro premio: 500 euros
Dez accésits: 300 euros cada un
Premio especial de reciclaxe: 1.000 euros

Comparte este artigo