A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase mañá, xoves, 26 de novembro, ás 13.30 horas no salón de plenos para desenvolver a súa sesión ordinaria desta semana, con 15 asuntos na orde do día.
Licenzas (4 expedientes). Proxectos de instalación dun ascensor nun edificio da rúa Río Salas e de adaptación de locais a vivendas nas rúas Valle Inclán e Nosa Señora da Saínza. Tamén ten previsto rectificar un acordo adoptado na Xunta de Goberno do 29 de outubro de 2026 en relación á licenza de reforma e ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa Antolín Losada.
Xestión urbanística (1). Aprobación definitiva do proxecto de equidistribución para a reparcelación da Unidade de Área de Execución UE-15 “La Trinidad”, encadrado nas actuacións de desenvolvemento urbanístico do ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Centro Histórico de Ourense.
Rehabilitación (1). Devolución de remanente do Programa 1 de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia NextGeneration EU.
Contratación (4). Adxudicación da concesión demanial para a explotación da cafetería do Xardín do Posío; expediente para contratar o mantemento de 3 aplicacións informáticas (FACENOVA, DGTNOVA e B2 CPXOM), e prórroga dos contratos de mantemento das aplicacións corporativas de Persoal e Recursos Humanos e do inventario municipal de bens e dereitos do Concello.
Alcaldía (1). Rectificación dun acordo da Xunta de Goberno do 19 de novembro de 2026.
Asuntos sociais (2). Convenios de colaboración entre o Concello e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer Ourense (AFAOR) e entre o Concello e Cáritas Diocesana de Ourense.
Avogacía consistorial (2). Dar conta dunha sentenza e dun auto ditados polo Tribunal de Instancia, Sección do Contencioso-Administrativo, Praza número 2, de Ourense.

