Os traballos, promovidos polo Concello, serán cofinanciados pola Unión Europea (Fondos FEDER) e contan coa colaboración da Deputación
O alcalde asistiu ao inicio da remodelación dun espazo “emblemático, que o pedía a berros”
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron esta mañá ao inicio das obras de acondicionamento e mellora de accesibilidade da Praza da Lexión, no barrio da Carballeira. A intervención conta cun orzamento de 917.488,90 euros, un prazo de execución de 3 meses, e será executada pola empresa Oreco Balgón SA.
A actuación, promovida polo Concello de Ourense, será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027 dentro da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (Plan EDIL). O Concello achegará un 40% e a UE un 60%. Así mesmo, os traballos contan coa colaboración da Deputación de Ourense, a través do Programa especial de cooperación para as obras promovidas polo Concello, cunha achega de 4.500 euros.
O alcalde salientou a relevancia desta intervención, “que pedía a berros” este parque “emblemático” do barrio da Carballeira. Así, acometerase unha “renovación completa, sobre todo a nivel de accesibilidade”, segundo explicou o concelleiro de Obras Públicas, quen destacou as características deste espazo, especialmente a súa masa arbórea “que é un verdadeiro privilexio. Isto si que se pode considerar un refuxio climático”, asegurou, avanzando que agora “se acompañará dunha renovación completa”.
As obras perseguen dúas metas prioritarias:
- Mellora da accesibilidade: Disporase un itinerario peonil perimetral, unha nova zonificación para xogos infantís e biosaudables, e ampliarase a superficie da zona de praza na contorna da fonte, que será substituída por outra de chorros máis interactiva e lúdica. Tamén se suprimirán os chanzos nos accesos á zona central.
- Acondicionamento do conxunto da praza: Substituiranse os xogos infantís e os elementos biosaudables por equipamentos novos, mellorarase a iluminación, e desprazarase e instalarase novo mobiliario. Tamén se levará a cabo a enovación dos elementos de abastecemento e saneamento e a mellora dos pasos peonís existentes mediante a instalación de redutores de velocidade trapezoidais.

