Pérez Jácome valora moi positivamente un acordo “que é bo tanto para os traballadores como para a cidade”
Cinco dos seis sindicatos do comité de empresa apoiaron a decisión
Finalmente, non haberá folga no servizo de limpeza e recollida de lixo na cidade. Así se acordou a primeira hora desta mañá nunha xuntanza mantida no salón de plenos do Concello polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome co comité de empresa de Ecourense coa finalidade de mediar no conflito que dera lugar a unha convocatoria de folga do servizo que estaba prevista a partir de mañá, sábado, día 1 de marzo.
“Sen variar ningunha das condicións que acordaramos días atrás, esta mañá tras unha xuntanza no Concello, todos os sindicatos agás a CIG acordaron desconvocar a folga de limpeza e recollida de lixo”, manifestaba Pérez Jácome ao remate da xuntanza, trala que valorou moi positivamente o respaldo maioritario do comité de empresa a un acordo “que é bo tanto para os traballadores como para a cidade”.
O acordo que pon fin á convocatoria de folga foi respaldado por 5 dos 6 sindicatos que forman o comité de empresa de Ecourense: Comisións Obreiras, UGT, USO, CGT e SPL (todos agás CIG), que representan a maioría do comité de empresa.