Francisco Diéguez presenta unha denuncia ante a Fiscalía e unha reclamación ante a AEPD para que investiguen a gravación dunha reunión interna de Podemos Galicia

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Se o propio órgano interno afirma que non pode determinar se o sucedido foi legal ou non, o lóxico é acudir ás institucións que si teñen esa competencia.’’

“Máis alá do que determinen agora as autoridades, creo que gravar unha reunión oficial e utilizar posteriormente unha transcrición sen informar previamente ás persoas participantes é unha práctica que rompe a confianza e resulta dificilmente compatible coa transparencia que debe existir en calquera organización”.

Avante Ourense informa de que o seu coordinador, Francisco Diéguez, presentou unha denuncia ante a Fiscalía e unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) para solicitar que se investigue a gravación, transcrición e utilización dunha reunión interna de Podemos Galicia empregada posteriormente nun expediente disciplinario contra o que era o seu secretario de organización.

A decisión chega despois de que a Comisión de Garantías Democráticas Estatal de Podemos resolvese a denuncia interna presentada por Diéguez. Na súa resolución, o órgano considera que non existiu infracción dos Estatutos nin dos regulamentos internos, pero recoñece expresamente que non é competente para valorar a legalidade da gravación, o tratamento dos datos persoais nin posibles responsabilidades administrativas ou penais, remitindo esas cuestións ás autoridades competentes.

Segundo sinala, o obxectivo destas actuacións é que a Fiscalía e a AEPD esclarezan cuestións como quen realizou a gravación, quen elaborou a transcrición utilizada no expediente, como foi tratada esa información e se durante todo o proceso se respectou a lexislación vixente.

Desde Avante Ourense subliñamos que esta comunicación ten un carácter exclusivamente informativo e expresamos o noso respecto polas institucións, confiando en que sexan agora a Fiscalía e a AEPD as que esclarezan os feitos.

Comparte este artigo