Luis Menor destaca o esforzo inversor da Deputación para colaborar no remate do Parque Acuático de Monterrei,  proxecto estratéxico pola pegada económica e turística

Redacción
NAUGURACIÓN PARQUE ACUÁTICO DE MONTERREI O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participa na inauguración das últimas fases do parque acuático de Monterrei. Tamén participan Diego Calvo Couso (Conselleiro de Presidencia), Marta Novoa Iglesias (Vicepresidenta da Deputación Ourense), Manuel Pérez Cid (Delegado da Xunta en Ourense) e membros da corporación municpal de Pereiro de Aguiar.

O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo inauguraron hoxe as últimas fases deste complexo que estrea o espazo de relax cun río lento, novas zonas verdes, tobogáns e un parque multiaventura

As institucións provincial e autonómica investiron ao redor de 13 millóns de euros neste complexo, que tamén será unha infraestrutura de referencia turística e de ocio para todo o norte peninsular

A posta en marcha do parque xera máis de 70 postos de traballo directos esta tempada e consolídase como un elemento tractor turístico ás portas da Ribeira Sacra

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia completaron a transformación integral do complexo deportivo e de ocio de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, coa inauguración das últimas fases do parque acuático, culminando así un proxecto estratéxico que converte a esta área nunha infraestrutura de vangarda única no noroeste peninsular.

O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo visitaron hoxe as últimas fases deste complexo que estrea o espazo de relax cun río lento, novas zonas verdes, tobogáns e un parque multiaventura.

As actuacións levadas a cabo nesta infraestrutura supuxeron un investimento próximo por parte de ambas administracións de 13 millóns de euros. Neste sentido, Luis Menor destacou o esforzo inversor da Deputación, que achegou para a construción destas últimas fases 3,6 millóns de euros, para colaborar no remate do Parque Acuático de Monterrei, un proxecto estratéxico pola súa pegada económica e turística.

Menor mostrouse moi satisfeito co resultado, logo de “sete anos de traballo” afirmando que hoxe era “un día histórico” para a nosa provincia grazas á inauguración desta “nova, novidosa e estratéxica infraestrutura  que marcará un antes e un despois na oferta turística e de lecer da provincia”. Un centro que, coa posta en marcha da súa primeira fase, xa logrou atraer anualmente a unha media de 90.000 persoas, sinalou Menor.

Máis de 70 empregos directos e dinamización comarcal

A posta en marcha definitiva do parque acuático ten un importante impacto social e económico que se traduce na creación de máis de 70 postos de traballo directos para esta tempada —entre socorristas, persoal sanitario, mantemento e atención ao público—, ademais de impulsar a actividade económica no Pereiro de Aguiar e na comarca.

Máis alá de cubrir a demanda de lecer e deporte da veciñanza da provincia, o novo complexo de Monterrei está destinado a ser unha infraestrutura de de primeiro nivel e de referencia para os visitantes que chegan a Ourense. Pola súa localización estratéxica ás portas da Ribeira Sacra, o parque acuático reforzarase tamén como un reclamo turístico complementario para apoiar a consolidación da candidatura deste enclave a Patrimonio da Humanidade.

Froito da colaboración institucional

Esta actuación pon de manifesto os resultados da cooperación entre administracións para sacar adiante proxectos de gran calidade e alto impacto territorial. Coas novas instalacións xa en funcionamento, Monterrei dá un salto definitivo para posicionar a Ourense no mapa do turismo de ocio familiar e deportivo de referencia.

Neste sentido, Menor agradeceu o compromiso da Xunta coa provincia con esta aposta “estratéxica” para Ourense que “traerá a miles de persoas á provincia”, unha nova mostra do “compromiso” do goberno autonómico co noso territorio, logrando que a cooperación institucional “multiplique” os efectos de proxectos de gran envergadura como este complexo.

Comparte este artigo