A concelleira Tamara Silva asistiu á sesión que se desenvolveu no Liceo
Máis de cen estudantes de diferentes centros educativos da cidade e provincia mantiveron un encontro co escritor ourensán Juan Tallón, dentro da actividade “Tertulias Literarias”, que organizan a Concellaría de Educación do Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense.
Esta iniciativa consiste nun faladoiro no que o alumnado ten a oportunidade de poñer en común as súas experiencias e ideas arredor da lectura en xeral e dun libro en particular, neste caso Mil cosas, a última novela do escritor ourensán. A continuación, mozos e mozas manteñen un encontro co propio autor.
A concelleira de Educación, Tamara Silva, e o director da área de Cultura e Deporte da Deputación Provincial, Marcos Vázquez, asistiron á sesión de hoxe, que se desenvolveu na sala de faladoiros do Liceo. Estas tertulias contaron con dúas sesións (os días 22 e 28 de abril), coa participación de 110 estudantes de ESO e Bacharelato e 20 docentes da cidade e provincia.
Esta actividade forma parte do “Programa de animación á lectura” que desenvolve o Concello durante todo o curso escolar. A tertulia sobre esta obra, escrita en castelán, dá continuidade á desenvolvida no mes de marzo, que tivo como protagonista unha obra en galego: Runrún, de Ana Varela, que contou coa participación de 191 alumnos e alumnas e 27 docentes.

