O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira Tamara Silva recibiron esta mañá no salón de plenos a Iván Nieto e Noelia Garrido, responsables de OSI Gourmet, firma ourensá que vén de obter a estrela que a acredita entre os 50 mellores establecementos do sector no ámbito estatal.
O recoñecemento insírese na Ruta dos 50 Panadeiros Top de España, un certame nacional deseñado para poñer en valor a excelencia, o compromiso coa calidade, a innovación, a atención ao público e a defensa do pan artesanal. A gala de entrega de distincións celebrouse o pasado mes de setembro no marco do Foro Global de Panadaría de Bilbao.
O certame desenvolve oito convocatorias territoriais ao longo do ano, nas que as panadarías participantes, máis de 600 nesta edición, deben presentar mostras de fogazas e barras. A continuación, un xurado profesional avalía aspectos como a calidade do produto, a presentación no establecemento ou a atención ao cliente, e outorga a estrela distintiva ás 50 mellores puntuacións de todo o país.
Traxectoria da empresa. OSI iniciou o seu proxecto empresarial en Allariz no ano 1991, cunha actividade orientada nun principio á repostaría e ampliada posteriormente ao sector do pan. Na actualidade, a firma mantén o seu obradoiro central na vila alaricana e conta con dous puntos de venda na cidade de Ourense, situados nas rúas Curros Enríquez e Ramón Cabanillas.

