O alcalde recibe a asociación veciñal do Polvorín, que retoma a actividade cunha nova directiva

Redacción

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Participación Cidadá, Antonio Fernández, recibiron esta mañá no salón de plenos a nova directiva da asociación veciñal do Polvorín.

A presidenta, Nerea Cuquejo, e a vogal, Cristina Fernández, acudiron ao Concello para establecer unha primeira toma de contacto logo da reactivación da asociación veciñal,  cunha “xunta directiva xove, con moitas ganas de facer cousas polo barrio, de dinamizalo e fomentar a participación. Queremos que conten connosco en todo o que sexa necesario”, manifestaron.

Tras dous anos de inactividade, esta nova directiva quere dar un forte pulo ao movemento veciñal no barrio. Xa son 50 socios e socias en apenas dúas semanas, e agardan sumar moitos máis, así como poñer en marcha actividades e darlle voz ao barrio nos asuntos que lle afectan. Proximamente organizarán unha inauguración do seu local veciñal.

Comparte este artigo