O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, mantiveron unha xuntanza esta mañá no Concello con Luis Alberto Ramos, presidente da Asociación de Dominicanos en Ourense e axente consular acreditado en Galicia. Durante o encontro, abordaron a realidade dun colectivo cuxa presenza medra na cidade, con preto de 1.200 persoas empadroadas, das cales máis de 160 participan activamente na asociación.
O alcalde e a concelleira trasladáronlle a vontade do goberno local de coñecer de primeira man as necesidades e a situación desta comunidade en Ourense, manter un diálogo fluído e colaborar naquelas iniciativas que sexan de interese.
Nesta liña, Ramos Munis avanzou o proxecto no que traballa actualmente como coordinador para pór en marcha unha futura Federación de Emigrantes en Ourense, coa que se quere agrupar a colectivos de diversos países residentes na cidade —como Senegal, Colombia, Arxentina, Venezuela ou Marrocos— para unificar esforzos e gañar representatividade. Para iso, dixo, teñen constituído un grupo de traballo que confían que poida dar novos pasos adiante despois do verán.

