O Concello adxudica a explotación da cafetería da Alameda, cun canon anual de máis de 73.000 euros

Redacción
Lectura mínima de 2

A Xunta de Goberno aprobou 17 acordos na súa sesión ordinaria

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este mediodía adxudicar a concesión para a explotación da cafetería da Alameda, de titularidade municipal, á empresa Rossopizza 101 SL. A firma aboará un canon anual de 73.805,16 euros, cun contrato de 10 anos de duración. Na súa sesión ordinaria desta semana, a Xunta de Goberno aprobou 17 acordos, a proposta dos servizos municipais de Licenzas, Patrimonio, Infraestruturas, Contratación e Avogacía consistorial.

Avogacía consistorial (6). Deu conta dunha sentenza ditada pola Audiencia Nacional; e de dúas sentenzas e un auto dos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo de Ourense. Ademais, o Concello deberá comparecer nun procedemento abreviado diante dun destes xulgados.

Licenzas (6). Concedeu as licenzas para a reforma dun local como garaxe na Avenida de Portugal; para a adaptación dun baixo como vivenda nun edificio da rúa Francisco Asorey; para o remate das obras de remodelación dunha vivenda nun edificio na rúa Marcelo Macías, e para a adaptación dun baixo para uso residencial nun inmoble da rúa Hernán Cortés. Tamén aprobou o proxecto modificado de construción dun edificio para vivendas na rúa Ervedelo e denegou unha solicitude de título habilitante de natureza urbanística para a legalización e remate de obras nunha edificación da rúa Santa Ana.

Patrimonio (2). Acordou requirir a unha compañía aseguradora para que indemnice ao Concello polos danos causados por un vehículo nunha varanda da Ponte do Milenio e recoñecer dúas obrigas pola ocupación dun local.

Infraestruturas (2). Recoñeceu dúas obrigas a favor da Confederación Hidrográfica do Miño-SIL por dúas sancións.

Contratación (1). Adxudicou á empresa Rossopizza 101 SL a concesión demanial para a explotación das instalacións destinadas a cafetería no Parque da Alameda, de acordo cos pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas e a oferta presentada, por resultar a máis vantaxosa. O contrato ten unha duración de 10 anos, cun canon anual de 73.805,16 € (IVE engadido).

Comparte este artigo