O Concello de Ourense acenderá as luces do Nadal da cidade o venres, 4 de decembro

Redacción

O goberno municipal mantén a tradición de activar a ornamentación festiva na véspera da ponte da Constitución, coa actuación de La Banda de Ayer

«Acendemos as luces do Nadal cando hai que acendelas: no mes de decembro», afirma o alcalde

O Concello de Ourense acenderá o alumeado de Nadal o venres, día 4 de decembro. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen aposta por manter a activación da decoración festiva da cidade na antesala da ponte festiva. Será ás 20:00 horas, na Praza Maior, nun acto que incluirá a actuación do grupo La Banda de Ayer.

«O Concello acende as luces de Nadal cando hai que acendelas, que é no mes de decembro», manifestou Pérez Jácome, quen subliñou que coa data elixida «respectamos a tradición que implantamos nos últimos anos, que é xusto antes da ponte da Constitución (este ano o domingo 6) e da Inmaculada (martes 8)».

O rexedor destacou que a iluminación festiva «é unha alegría para toda a cidade, unha demanda cada vez maior nos diferentes barrios». Segundo sinalou, «a veciñanza quere ter esa faísca de ilusión e gozar dunhas rúas embelecidas coa estética propia destas datas durante un mes».

La Banda de Ayer é un grupo galego que aposta «por un formato diferente, que ofrece un longo percorrido pola música pop e rock dos anos 80, 90 e 2000, sen poñer límite a ningún tipo de música e intentando sempre ofrecer o mellor de nós mesmos», segundo explica a propia formación, orixinaria de Gondomar. O grupo está formado por 3 vocalistas e 4 instrumentistas, que realizan a súa xira Vintage Tour 2026.

Comparte este artigo