O concello de Arbo e os comerciantes da praza de abastos lanzan a V Edición da Campaña “Ven ao teu Mercado tamén en Nadal”

Redacción

• A iniciativa busca fomentar as compras de proximidade e premiar a fidelidade da veciñanza durante as festas do Nadal.


• Entre todas as compras realizadas do 18 de novembro ao 22 de decembro sortearanse tres cestas da compra.

O Concello de Arbo, en estreita colaboración cos comerciantes da Praza de Abastos, pon en marcha a quinta edición da campaña de dinamización comercial “Ven ao teu Mercado tamén en Nadal”. A iniciativa ten como principal obxectivo incentivar o consumo local, captar novos clientes e agradecer a confianza e fidelidade das persoas que elixen os postos do mercado municipal para realizar as súas compras nestas datas sinaladas.

O comercio na Praza de Abastos constitúe unha peza fundamental da economía local, permitindo aos pequenos empresarios e produtores ofrecer produtos frescos, de tempada e de máxima calidade de xeito directo ao consumidor.

Neste sentido, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou a importancia de manter vivo este espazo tradicional: “Impulsar as compras na Praza de Abastos non só apoia a quen traballa nela, senón que tamén garante que a tradición do noso mercado perdure para as futuras xeracións, enriquecendo a vida social e económica do pobo”.

O período promocional desta V edición desenvolverase dende o 18 de novembro ata o 22 de decembro de 2026 ás 13:00 horas. Para participar, de xeito totalmente gratuíto e individual, as persoas maiores de 18 anos que efectúen calquera compra nos establecementos ou postos situados na Praza de Abastos de Arbo recibirán unha papeleta no momento do pago, que deberán cubrir cos seus datos persoais e teléfono de contacto e depositar na urna habilitada no propio mercado.

Coa finalidade de recoñecer o apoio da clientela nunha época na que medra a demanda de produtos frescos, sortearanse tres cestas da compra (non transferibles nin trocables por diñeiro). O sorteo celebrarase o martes 22 de decembro de 2026, ás 13:00 horas, na propia Praza do Mercado, mentres que a entrega dos premios terá lugar o xoves 24 de decembro de 2026 no mesmo recinto, xusto a tempo para as celebracións de Noiteboa.
Dende o Concello de Arbo e a Praza de Abastos anímase a toda a veciñanza e visitantes a achegarse ao mercado municipal, gozar da atención próxima dos seus comerciantes e apostar polo comercio local neste Nadal.

Comparte este artigo