Jorge Bustos advirte de que a actuación afecta a elementos protexidos pola normativa autonómica e executouse sobre un camiño de titularidade municipal
O concelleiro socialista asegura que a responsable de Medio Rural, Flor Rubinos, coñecía a situación e que desde a súa área se deron instrucións para reubicar os postes do alumeado público
“Estamos ante un atentado contra o noso patrimonio etnográfico e a nosa arquitectura tradicional, executado coa connivencia dun Goberno que demostra un absoluto desprezo pola legalidade e polas nosas parroquias”
O concelleiro do Grupo Municipal Socialista Jorge Bustos denunciou hoxe a existencia de posibles irregularidades no derrubamento de varios peches tradicionais de fincas no núcleo de Santa María de Muxa. Unha actuación que, segundo explicou, vulneraría a normativa autonómica de protección do patrimonio por afectar elementos de arquitectura tradicional protexidos e que, ademais, se tería levado a cabo sobre un camiño de titularidade municipal.
Bustos cualificou os feitos de “moi graves” e asegurou que o Grupo Municipal Socialista está a estudar as accións legais que poidan resultar necesarias para esixir a reposición da legalidade e a recuperación dos elementos afectados. “Non estamos falando dunha simple intervención nunha finca particular. Trátase dunha actuación que afecta o noso patrimonio etnográfico, a nosa arquitectura tradicional e un espazo de titularidade pública. O Goberno de Candia non pode mirar cara a outro lado ante uns feitos desta natureza”, sinalou.
O edil socialista afirmou que os traballos se realizaron co coñecemento da concelleira responsable de Medio Rural, Flor Rubinos. Segundo trasladaron os veciños afectados ao Grupo Municipal Socialista, desde a propia concellería consentiuse desprazar os postes do alumeado público que anteriormente se atopaban fóra do camiño e que, despois dos traballos, quedaron situados aproximadamente un metro dentro da vía. Para Bustos, este feito constitúe un indicio relevante do coñecemento que o Goberno local tiña da actuación.
“Non existe oficialidade sobre con que permiso se procedeu a ensanchar un camiño de titularidade municipal por parte de particualres. Non existe soporte legal, pero os veciños confírmannos que o Goberno municipal coñecía o que estaba a suceder. É máis, desde a propia concellería de Rural déronse instrucións para mover os postes da luz porque, tras os traballos realizados en terreo público, quedaran dentro do camiño. Como pode soster agora o Goberno que descoñecía unha intervención destas características?”, cuestionou.
Bustos advertiu de que o asunto esixe explicacións inmediatas e unha actuación municipal para comprobar as circunstancias nas que se produciron os derrubamentos, determinar se contaban coas autorizacións correspondentes e garantir a protección dos elementos tradicionais afectados. “Estamos ante un atentado contra o noso patrimonio etnográfico e contra a nosa arquitectura tradicional que, segundo a información da que dispoñemos, se executou coa connivencia do Goberno de Candia”, afirmou.
O concelleiro socialista enmarcou estes feitos no que considera unha forma preocupante de xestionar as parroquias desde a chegada do actual Executivo municipal tras a moción de censura. “Esta é a maneira que ten o Goberno de Candia de xestionar o noso rural: sen o máis mínimo respecto pola legalidade, promovendo ou consentindo actuacións que poden beneficiar determinados intereses e sen ningunha consideración polo noso patrimonio, a nosa historia e as nosas tradicións”, denunciou.
O Grupo Municipal Socialista reclamará ao Goberno local toda a información sobre esta intervención, as comunicacións mantidas cos veciños, as instrucións trasladadas desde a Concellería de Medio Rural e as posibles autorizacións ou informes que amparasen os traballos. Bustos adiantou que interpelará o Executivo municipal sobre o sucedido e non descartou solicitar unha comparecencia específica para que se expliquen as decisións adoptadas e se depuren as responsabilidades que correspondan.
“Imos chegar ata o final para que se aclare que ocorreu en Santa María de Muxa. O patrimonio tradicional das nosas parroquias non pode quedar á mercé de decisións arbitrarias nin de actuacións que poidan vulnerar a normativa. Se se confirma que se actuou contra a legalidade, esixiremos que se adopten as medidas necesarias para reparar o dano e restituír a situación”, concluíu.

