O BNG carga contra uns orzamentos “made in Telmo” nos que o rural volve ser o gran prexudicado

Redacción

A partida de 2027 constata que “Telmo Martín segue en modo propaganda, prometendo obras faraónicas” e deixando de lado ás parroquias, para as que se destina menos dun 4% do presuposto total

O Bloque ten claro que “falar agora dun plan de asfaltados a poucos meses das eleccións municipais é unha temadura de pelo a milleiros de veciños e veciñas que non residen preto do centro de Sanxenxo”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia que a proposta de Orzamento do Goberno do Partido Popular “é un reflexo perfecto da política de cemento e formigón que promove Telmo Martín”. Un ano máis, o alcalde quere centrar a partida en obras faraónicas, poñendo o foco no centro de Sanxenxo e nas inmediacións de Silgar, deixando novamente a milleiros de veciños e veciñas do rural a expensas de servizos que “a día de hoxe seguen sen funcionar de maneira axeitada e sen seren renovados debidamente, a pesares da demanda existente”.

Os nacionalistas amósanse sorprendidos polo feito de que o PP presuma de incrementar investimentos fóra dos núcleos principais, facendo mención a un plan de asfaltados que “chega moi tarde”. O grupo da oposición advirte de que menos dun 4% do Orzamento total está pensado para o rural. “Telmo Martín promete agora, a uns meses das eleccións municipais, amosar interés polas parroquias, cando nos últimos tres anos non fixo absolutamente nada. Non é suficiente con anunciar a día de hoxe un plan de asfaltados cando precisamente desde o BNG vimos denunciando o mal estado de ducias de camiños e pistas nos que o Concello levaba moitos anos, cando non décadas, sen facer ningunha intervención”, critica o voceiro nacionalista, Octavio González.

A falta de interese polo rural que pretende agochar Telmo Martín tamén queda reflectida na ausencia de investimentos para obras moi demandadas, como a mellora da seguridade viaria na estrada entre Arra e O Catadoiro, na parroquia de Adina. Unha actuación que o BNG propuxo vía moción plenaria que o Partido Popular votou en contra.
“Despois probablemente botarán man dalgunha axuda institucional para vender que teñen interese en dar resposta a esa demanda histórica, pero a realidade é que o Goberno local non actúa aí, a pesar de saber que existe unha grande inquedanza neste núcleo polo estado desa estrada”, advirten os nacionalistas.

Outro feito que tamén preocupa ao Bloque é a situación na que se atopa o servizo de recollida do lixo. A pouco máis dun mes para que remate 2026 aínda non se avanzou na xestión directa que o Concello decidiu acometer, despois dunha “xestión neglixente” da renovación do contrato. “Estamos a mediados de novembro e ninguén sabe como vai a actuar o Goberno local para acometer as melloras necesarias nun servizo que durante todo o mando foi absolutamente insuficiente e precario en boa parte do termo municipal”, apuntan desde o BNG. O deterioro de ducias de contedores, en lugares como A Revolta, Portonovo, Padriñán ou na estrada PO-308 á altura de Nanín, sumada á ausencia de traballos de limpeza axeitados, provocu a proliferación de ratas nalgúns puntos, feito denunciado polo BNG a raíz de avisos chegados desde a propia veciñanza.

Por último, os nacionalistas tamén poñen en dúbida investimentos como os 700.000 euros que se queren acometer para a nova sede de Ínsula Sanxenxo, “unha empresa pública que máis de 20 anos despois da súa creación por parte de Telmo Martín acumula un saldo deficitario de millóns de euros, sen ningún tipo de actividade ata hai moi pouco tempo”. Ademais, o BNG tamén expresa a súas dúbidas sobre proxectos como o de vivenda no PEI 17 ou a senda do litoral de Vilalonga, actuacións que, coma no último caso, “fóronse prometendo durante hai 20 anos e que, por unhas razóns ou por outras, sempre acaban esquecidas nun caixón”. A débeda municipal tamén é motivo de preocupación para o Bloque. O Concello vai aprobar un Orzamento cuns 6 millóns de euros de débeda, “que corresponden exclusivamente ás malas decisión do alcalde en materia urbanística e que derivaron en sentenzas xudiciais que pagan os veciños e veciñas de Sanxenxo”.

Comparte este artigo