Aníbal Pereira e José Antonio Quiroga analizaron os proxectos da canle de augas bravas, o pantalán de Velle e edificio de vestiarios de Oira
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira Novoa, o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González Rodríguez, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, mantiveron onte mércores, 29 de xullo, unha reunión de traballo na sede da confederación na cidade. Durante o encontro tratáronse varias liñas de actuación en materia deportiva municipal en relación ao uso do río Miño ao seu paso pola cidade.
Canle de augas bravas. Para o Concello de Ourense, a canle de augas bravas é unha instalación estratéxica para o desenvolvemento deportivo e aproveitamento do río. O compromiso de apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, acadado en reunións anteriores co secretario xeral, propiciou tratar este asunto nesta reunión. Consultouse a viabilidade deste investimento, acadando o compromiso por parte do titular da CHMS de que será tratado con ”cariño” por este ente, unha vez se lle facilite a información técnica na que xa se atopa traballando o Consello Municipal de Deportes.
Pantalán na zona de Velle. A necesidade imperiosa dun elemento de embarque ao río no Hangar de Deportes Náuticos de Velle foi outra das consultas efectuadas na reunión. O motivo da consulta radica na importancia que ten un pantalán para que os practicantes do Club de Piragüismo Ourense, entre outros, poidan embarcar con seguridade. Púxose de manifesto que esta carencia é un dos grandes freos á práctica do piragüismo. De existir esta zona de embarque, máis mozos da cidade iniciaríanse neste deporte náutico, e aproveitaríase así esta contorna inmellorable para a práctica de actividades náuticas. A consulta xiraba arredor da instalación do citado pantalán nas inmediacións das instalacións náuticas existentes.
Novo edificio de vestiarios no Complexo Deportivo de Oira. Outro dos temas tratados é a viabilidade dun edificio de vestiarios de acceso ao Complexo Deportivo de Oira. O motivo da consulta era coñecer a posibilidade de execución por atoparse en zona susceptible de asolagamento; previas consultas técnicas, foi considerado como bastante viable.
Os participantes na reunión emprazáronse a continuar colaborando e facilitando información técnica segundo se vaia recibindo e a manter unha comunicación fluída, polo que a xuntanza resultou proveitosa.

