O Espazo Xove acolle desde hoxe a exposición “Á violencia de xénero…dille non!”. Esta é unha mostra itinerante impulsada pola Xunta de Galicia, que chega á cidade de Ourense dentro da programación de actividades organizadas polo Concello con motivo do 25 N(Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres). Poderase visitar ata o día 2 de decembro no espazo xuvenil da rúa Celso Emilio Ferreiro, número 27.
“Á violencia de xénero…dille non!” está composta por paneis ilustrados e viñetas, deseñadas por Fausto Deseño Asociados, que reflicten situacións lamentablemente cotiás en parellas novas. Está dirixida especialmente ao público xuvenil co obxectivo de previr e detectar situacións de violencia nas súas relacións.
A través de imaxes de situacións cotiás, identifícanse realidades de control, humillación, sextorsión, chantaxe emocional, manipulación e outras formas de violencias contra as mulleres. Con esta exposición, preténdese previr, sensibilizar, visibilizar e crear conciencia social fronte ás violencias de xénero e, á súa vez, promover relacións igualitarias, sobre piares como a liberdade, a tolerancia e o respecto.

