O prazo de inscrición abrirase o luns, 5 de outubro, e o catálogo xa se pode consultar na web actividades.ourense.gal
A Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición do seu programa de actividades para o curso 2026/2027. A iniciativa inclúe unha vintena de obradoiros saudables, formativos e de lecer dirixidos á veciñanza empadroada no municipio que teña 18 anos ou máis.
A oferta abrangue un total de 23 propostas centradas na mellora da saúde e o benestar, entre as que figuran disciplinas físicas como ioga, pilates, ioguilates, ximnasia, mantemento, fitness, zumba e bailes latinos. Así mesmo, inclúense obradoiros de desenvolvemento persoal de biodanza, autocoidado, adestramento da mente e empoderamento mediante a arte, xunto con sesións de formación dixital sobre o uso de smartphone e a tramitación electrónica de documentos.
Inscricións e atención presencial
As persoas interesadas poden consultar xa o catálogo completo na web actividades.ourense.gal. O prazo de solicitude manterase aberto desde o vindeiro luns 5 ata o 11 de outubro. Cada persoa poderá escoller un máximo de tres actividades por orde de preferencia. Se precisan axuda para realizar o proceso de inscrición, haberá un servizo de asistencia presencial no Centro Cívico Colón (rúa Colón, nº 18, 2º), en horario de 9.00 a 13.00 horas.
As actividades impartiranse nos espazos cívicos municipais de Colón, A Cuña (rúa Doctor Peña Rey), A Ponte (rúa Eulogio Gómez Franqueira), As Termas (praza 200) e Seixalbo (rúa Estreita).

