O Concello facilitará desde o luns na Oficina de Turismo as lentes e entradas ás persoas inscritas para ver a eclipse desde Montealegre

Redacción
  • Disporán de aparcamento no Auditorio e autobús gratuíto ata o parque

O Concello de Ourense facilitará desde o vindeiro luns as entradas e as lentes homologadas ás persoas inscritas para observar a eclipse solar do vindeiro mércores, 12 de agosto, a partir das 19.30 horas no Parque de Montealegre. Esta iniciativa conta coa colaboración da Asociación Astronómica de Ourense.

As persoas que teñen a reserva confirmada poderán retirar a súa entrada e as lentes de protección homologadas na Oficina de Turismo do Concello, na Praza de San Martiño, desde o vindeiro luns, 10, ata o mércores, 12, de 9.00 a 14.00 horas. Deberán indicar o código de inscrición que lles foi enviado desde a organización por correo electrónico. Tamén poderán retiralas o propio día da eclipse, pola tarde, xunto ao aparcamento do Auditorio ou na entrada do propio Parque de Montealegre.

Dispositivo de mobilidade e accesos

Para facilitar o desprazamento, o Concello recomenda o uso do transporte público e activa estas medidas:

  • Autobús lanzadeira gratuíto: Con saída na rúa da Canle, 4 (Auditorio), de 18.00 a 20.00 horas (subida) e de 21.00 a 22.00 horas (regreso).
  • Aparcamento gratuíto no Auditorio: Dispoñible ata o seu peche ás 23.00 horas.
  • Sentido único: De 18.00 a 23.00 horas establecerase sentido único de circulación desde a Fonte dos Caños ata o cruce do Camiño Rapazes con Montealegre.
Comparte este artigo