O Concello lémbralles ás persoas titulares de predios que teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal antes do día 31 de maio

Redacción
Lectura mínima de 3

A normativa establece sancións por incumprimentos de ata 1.000 euros, as leves, e de ata 100.000 euros, as graves

Ante a proximidade do verán e coa finalidade de previr os incendios forestais, o Concello de Ourense lémbralles ás persoas titulares de terreos que teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF).

O prazo establecido na propia lei para cumprir con esta obriga rematará o día 31 de maio. No caso de que remate sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria sen prexuízo da repercusión dos custos. As sancións por incumprir a lei van ata os 1.000 euros se a infracción é leve, ou ata os 100.000 se é grave.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou un bando, que se pode consultar na páxina web do Concello, no que informa sobre a aplicación desta normativa.

As faixas secundarias están delimitadas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios do Concello e están a disposición das persoas interesadas no visor publico de faixas secundarias https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/ e na páxina web do concello https://ourense.gal/gl/servizos/medio-ambiente .

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello por teléfono no 988 388 135 ou por correo electrónico no enderezo c.ambiental@ourense.es.

Normativa de prevención de incendios

A normativa de prevención de incendios establece unhas condicións específicas para as denominadas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, cuxa función prioritaria é protexer os núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais.

A lei obriga as persoas propietarias a xestionar a biomasa vexetal:

  • nunha franxa de 50 metros do perímetro ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable,
  • arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e
  • arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, coma o eucalipto ou diferentes variedades de piñeiro, entre outras.

Comparte este artigo