- O alcalde recibiu a agrupación da cidade francesa, irmandada con Ourense
Ourense, 23 de abril de 2026
O Auditorio Municipal de Ourense acollerá mañá, venres, 24 de abril, o espectáculo “Canto General”, a cargo do Coro do Canto da cidade de Quimper, irmandada con Ourense. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos á presidenta, Frederique Aguillon, ao director musical, Pierre-Emmanuel Clair, e aos integrantes da agrupación musical francesa, que chega á cidade no marco do irmandamento de Ourense co municipio francés. O concerto será ás 20.00 horas, con entrada gratuíta, ata completar o aforo. Contará tamén coa participación da Coral de Ruada.
O alcalde deulles a benvida á cidade e desexoulles que desfruten da súa estadía en Ourense, da súa gastronomía e atractivos turísticos, así como do “gran concerto” que ofrecerán mañá. “É un pracer que representantes da cidade irmandada estean en Ourense durante estes días”, asegurou. Pola súa banda, a presidenta da coral manifestou que “estamos orgullosos e felices de cantar o Canto General na cidade irmandada”, e agradeceu a oportunidade de actuar neste “magnífico” auditorio para presentar este “ambicioso proxecto”. Tamén expresou a ledicia do coro de contar coa participación da Coral de Ruada.
Con corenta integrantes, acompañados por piano e percusións, baixo a batuta de Pierre-Emmanuel Clair, o Coro do Canto porá en escena a composición que Mikis Theodorakis creou sobre os textos do poeta Pablo Neruda. A obra é un amplo poema épico sobre a historia e os destinos dos pobos de América, o canto do nacemento, da floración, do combate e do sacrificio.
Pablo Neruda foi un poeta cun imaxinario potente e un lirismo delicado, Mikis Theodorakis pon en música os seus poemas de forma maxistral, grazas a un ritmo con cambios constantes, cunha forza emocional moi importante, que alterna potencia, nostalxia, sufrimento, cólera, dozura, alegría e contemplación.
O Coro do Canto actuou en moitas cidades de Francia, Grecia ou Crimea. O seu paso pola cidade reforza os vínculos culturais entre Ourense e a localidade francesa de Quimper.

