O desentullo que realiza a Deputación na Bouza (Viana do Bolo) supera xa o 25 % e podería completarse no transcurso desta semana

Redacción

O deputado provincial José María Lago visitou a “zona cero” da riada de xuño e puido comprobar os avances dos traballos; conseguíronse retirar máis de 1.200 metros cúbicos de terra, pedras e madeira, o que supón o equivalente a uns 80 viaxes de camións de carga

A Deputación de Ourense continúa a traballar intensamente nos labores de recuperación das zonas máis afectadas polas riadas de xuño no municipio de Viana do Bolo. Os traballos de desentullo, que se iniciaron o pasado mércores 1 de xullo na denominada “zona cero”, avanzan a un ritmo superior ao estimado inicialmente, malia a complexidade das operacións e do terreo.

O deputado provincial de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, puido comprobar esta mañá na localidade da Bouza, onde se centra a primeira fase da actuación, como se están a desenvolver os traballos de desentullo, dos que xa se executaron máis do 25 %. Ata o de agora, conseguíronse retirar máis de 1.200 metros cúbicos de entullo, o que equivale a máis de 80 viaxes de camións de carga.

Os primeiros días da intervención resultaron especialmente complexos debido ás dificultades de acceso á aldea e á necesidade de operar con extrema precaución pola proximidade das vivendas. Para garantir a seguridade, antes do inicio dos traballos realizouse unha rigorosa revisión técnica das casas máis afectadas para avaliar os posibles perigos de derrubamento.

Ao ritmo actual, a retirada de entullo na Bouza completarase ao longo desta mesma semana, cumprindo así un prazo de 10 días, para dar paso de inmediato á segunda fase de actuación dos traballos que se trasladará á localidade de Pixeiros, onde se estiman un mínimo de tres días máis de traballo.

José María Lago, que tamén se trasladou a Pradocabalos para coñecer a situación actual, expresou a súa confianza na positiva evolución do labores de desentullo, que realiza unha empresa contratada pola Deputación de Ourense mediante o procedemento de urxencia. “Estivemos desde o minuto un colaborando coa veciñanza dos pobos afectados, e seguiremos ata completar a retirada de todos os restos e devolver unha boa parte da normalidade a estes pobos”, dixo o deputado provincial trala visita, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo.

Comparte este artigo