O Día da Bici ocasionará cortes de tráfico en diferentes rúas da cidade o domingo pola mañá

Redacción

Ás 10.00 horas pecharase Progreso desde Concordia ata a Avenida de Zamora, e ás 11.30 horas o resto do percorrido

A celebración do Día da Bici requirirá realizar cortes de tráfico rodado en diferentes rúas da cidade o vindeiro domingo, 20 de setembro. O dispositivo deseñado pola Policía Local de Ourense prevé pechar ao tráfico ás 10.00 horas a rúa do Progreso, desde Concordia ata a Avenida de Zamora, á altura do Xardín do Posío e a rúa da Coruña. Desde as 11.30 horas pecharase todo o itinerario da ruta ciclista e aquelas rúas que conflúen polo percorrido.

A ruta do Día da Bici, que chega á súa edición número 40, cambia este ano a causa das obras que se están a executar na Avenida de Portugal. Sairá da Alameda e avanzará por Progreso, Avenida de Zamora, Saínza, Coruña, Progreso ata Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santiago, Avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez e Progreso para rematar na Alameda.

Itinerarios alternativos:

  • Zona norte – sur: polas pontes do Ribeiriño e da presa de Velle (Oira).
  • Zona oeste – leste: Avenida da Ribeira Sacra (N-120).
  • Zonas leste – centro: Emilio Pardo Bazán, Pena Trevinca.
  • Zona sur (saída): Marcelo Macías, Manuel Murguía, Rodríguez de la Passera e Regato ata a glorieta da Saínza.
  • Zona sur (entrada): Glorieta da Saínza. Na súa metade establecerase de dobre sentido de circulación, de forma que os coches procedentes da zona sur poderán seguir polas rúas do Regato, Rodríguez de la Passera, Leiras Pulpeiro, Manuel Murguía e Marcelo Macías.

Ademais, desde a glorieta da Saínza ata o aparcadoiro da residencia, quedará un carril de acceso a urxencias, coa posibilidade de subir por Cruceiro Quebrado.

Autobuses urbanos

A actividade deportiva modificará as rutas dos autobuses urbanos.

En dirección ao Parque de San Lázaro, circularán por: rúa da Coruña – Pena Trevinca – Avenida da Habana e Parque San Lázaro.

En dirección ao Xardín do Posío, irán por Xoán XXIII (Abanca) – Bedoya – Avenida de Bos Aires – Xoán de Novoa e Pardo Bazán.

Ademais, desde as 11.30 e ata as 13.45 horas, os autobuses sufrirán retencións nos seus percorridos e a liña 15 “Praza Maior – O Tinteiro – Praza Maior”, suspenderá o servizo entre as 10.00 e as 14.00 horas. Pola tarde recupera o seu horario habitual.

Comparte este artigo