O goberno municipal aproba o proxecto de Orzamentos do Concello para 2026, que medran ata os 127,8 millóns de euros

Redacción
Lectura mínima de 3

O goberno municipal aprobou esta mañá, nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, o proxecto de Orzamento Xeral do Concello de Ourense para o ano 2026. Este documento está formado polos orzamentos do propio Concello e do seu organismo autónomo, o Consello Municipal de Deportes, xunto coas bases de execución e os anexos de persoal.

O presuposto municipal medra desde os 116 millóns do exercicio de 2025 ata 127.800.000 euros para 2026. Fontes do grupo de goberno explican que as contas actualizan os custos das diferentes áreas de xestión municipal e permitirán sacar adiante, con prezos de mercado, a licitación das concesións de servizos municipais que se atopan actualmente en precario. A maior parte do orzamento destínase a gasto corrente, aínda que se recolle tamén partidas de investimentos. As áreas infraestruturas e servizos sociais son as que máis medran en dotación económica para este exercicio, tal e como ocorrera no ano anterior, xa que nelas se inclúen servizos de grande repercusión económica, como a xestión de auga, limpeza ou axuda no fogar.

O goberno municipal remitirá o proxecto de orzamento aos grupos municipais, que disporán dun prazo de 10 días naturais para presentar emendas, se o estiman oportuno. A continuación, será presentado a ditame por parte da Comisión de Pleno e á aprobación inicial por parte do Pleno do Concello.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de límite de gasto non financeiro consolidado do Concello e do CMD para 2026, por un importe de 136.942.950,57 euros, para os efectos de dar cumprimento ao disposto na Lei 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira. Do total, 136.158.610,45 euros corresponden ao Concello e 5.691.854,12 ao CMD.

Desde o grupo de goberno sinalan tamén que de forma paralela ao Orzamento Xeral, o Concello elaborou tamén un Plan Económico Financeiro, que sería de aplicación no caso de que liquidación do orzamento de 2025 puxese de manifesto que non se cumprira a regra de gasto non financeiro. O plan é bianual e comprendería os anos 2027 e 2028.

Na mesma sesión, a Xunta Local aprobou unha relación de facturas correspondentes a gastos realizados no exercicio 2025 que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no dito exercicio, por importe de 132.514,94 euros. Tamén acordou trasladar á contabilidade municipal os compromisos de gasto actualizados para este ano derivados do contrato de limpeza de dependencias municipais, atendendo ao contrato en vigor.

Comparte este artigo