O alcalde reuniu a xunta de portavoces para presentarlles o proxecto aos demais grupos e agarda contar co seu apoio no Pleno
Inclúe 11 actuacións en materia de infraestruturas, medio ambiente, limpeza, rehabilitación e planeamento
O goberno municipal propón unha modificación de crédito para mobilizar máis de 25 millóns de euros en investimentos na cidade. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniu esta mañá na Alcaldía a xunta de portavoces para presentarlles aos grupos políticos municipais de PP, PSdeG-PSOE e BNG o proxecto deseñado polo goberno local. A modificación de crédito deberá ser aprobada polo pleno do Concello para poder levarse a cabo. O alcalde confía en que os demais grupos políticos apoien esta proposta de DO xa que, aseverou, “busca o interese xeral, xa que se trata de executar investimentos en obras e proxectos na cidade”, ao igual que ocorrera recentemente coa proposta de modificación de crédito aprobada polo Pleno do Concello para executar as obras do Parque de Canedo. Os portavoces reuniranse de novo o vindeiro venres para expresar o seu parecer.
A solicitude de modificación orzamentaria para o exercicio 2025, presentada pola Concellería de Obras Públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo inclúe 11 actuacións, por un importe total de 25.732.660,98 euros:
- Proxecto de humanización e mobilidade vertical coa execución de ramplas mecánicas na rúa Vasco Díaz Tanco (barrio da Cuña) por importe de 5.243.114,57 €
- Proxecto de humanización e mobilidade vertical coa execución de ramplas mecánicas na contorna da rúa Rampla de Sas: 3.686.142,86 €
- Proxecto de execución para obra de restauración da pasarela sobre o río Miño en Outariz: 1.695.391,81€
- Proxecto de Rehabilitación da Pasarela do Vao (Parque Miño): 799.014,96 €
- Contrato para a posta en valor de 40 parques infantís, áreas de ocio e esparexemento do Concello de Ourense: 3.580.000,00 €
- Acondicionamento do parque e zonas verdes na contorna da praza Daniel González: 1.234.470,88 €
- Subministración de colectores de carga lateral en superficie, destinados á recollida de residuos sólidos urbanos, envases lixeiros, papel-cartón, vidro e biorresiduos: 3.053.620,61 €
- ACUAES. Cumprimento das sentenzas xudiciais 124/2021 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ourense e 491/2021 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Procedemento Ordinario 241/2018): 4.644.117,18 €
- Execución Definitiva 8/2018-B do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense (Procedemento Ordinario 497/2014) en relación coa “Reparación da praza pública/terraza da Avenida de Marín nº 2”: 1.026.308,11 €
- Redacción do Plan Especial de Protección do Sitio de Interese Histórico das Fontes Termais das Burgas e do Conxunto de Interese Histórico da Cidade de Ourense: 677.600,00 €
- Redacción adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOU): 92.880,00 €

