O PP de Ourense esixe ao Goberno explicacións urxentes polas tarefas de prevención de incendios na liña ferroviaria Ourense-Santiago

Redacción

·      Os deputados ourensáns no Congreso ponen en marcha unha iniciativa parlamentaria tralos oito incendios simultáneos provocados o luns, día 13, por un tren de mercadorías 

·      A formación pon o foco ADIF e esixe saber que labores concretos de limpeza, roza e control do material rodante executáronse na provincia desde a activación do Plan de Prevención 

Os representantes do Partido Popular no Congreso pola provincia de Ourense —Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana—, rexistraron unha iniciativa parlamentaria na que esixen ao Goberno central que renda contas de xeito inmediato pola vaga de incendios forestais orixinados na contorna ferroviaria o pasado luns 13 de xullo.

O paso dun tren de mercancías pola vía convencional entre Ourense e Santiago de Compostela provocou ese día ata oito lumes case simultáneos nos concellos de Maside, Ourense, Amoeiro e Punxín, obrigando a cortar a circulación ferroviaria durante máis de dez horas e calcinaron máis de oito hectáreas.

Tras coñecerse que ADIF investiga se a orixe foi un convoi “defectuoso” que desprendeu faíscas, os deputados populares denuncian que “os mecanismos de prevención do Executivo fallaron por completo”, sinala Celso Delgado.

“QUE TAREFAS DE PREVENCIÓN FIXO REALMENTE O GOBERNO?”

O PP fai fincapé en fiscalizar a xestión do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, xa que a pesar de que o Plan de prevención contra incendios nas vías e as súas proximidades entrou en vigor o 1 de xuño, “é evidente que non está a funcionar”.

Por iso, a formación popular esixe saber con total claridade que tarefas previstas no devandito plan executou realmente ADIF na liña convencional Ourense-Santiago de Compostela entre o 1 de xuño e o 13 de xullo. O PP reclama ao Executivo unha relación detallada das actuacións de limpeza química e mecánica en estacións, terminais e marxes da vía que se realizaron este ano e as previstas ata maio de 2027 para reducir a biomasa e a vexetación seca.

“É imprescindible executar con carácter urxente e periódico labores de roza e retirada de material combustible nas marxes das vías que discorren pola nosa provincia, unha zona que soporta un altísimo risco de incendios forestais nos meses de calor”, denuncian os deputados do PP, sumándose á moción presentada polo grupo provincial do PP na Deputación de Ourense.

ANTECEDENTES MOI PREOCUPANTES

A iniciativa parlamentaria alerta de que non se trata dun feito illado, senón dunha preocupante falta de mantemento continuada no tempo, indicando varios antecedentes:

–       Boborás (2015): Un incendio que queimou 180 hectáreas e terminou nunha condena da Audiencia Nacional a ADIF e Renfe por permitir que as faíscas dun tren prendesen na materia orgánica acumulada xunto á vía.

–       Contorna de Ourense (2025): Apagamentos xeneralizados e cortes da circulación ferroviaria con Madrid debido a lumes na contorna das vías en Ourense, San Cibrao das Viñas, O Couto e Barbadás.

–       San Cibrao das Viñas (2026): Conatos de incendio en Noalla e Castroverde provocados pola caída de árbores sobre as liñas e a catenaria, o que obrigou ao Concello de San Cibrao das Viñas a esixir actuacións de urxencia.

Por todo isto, o PP de Ourense esixe tamén coñecer se ADIF está a cumprir coa súa obrigación de supervisar de forma exhaustiva os sistemas de freado das empresas ferroviarias de mercancías e os motores de combustión dos vehículos diéseis, co fin de evitar que as infraestruturas estatais sigan sendo un perigo forestal para a provincia.

Comparte este artigo