O PP de Ourense pon en valor o talento cultural ourensán que representa a Agrupación Musical da Limia, que participa no festival internacional máis prestixioso do mundo

Redacción
  • A formación limiá participa o vindeiro 25 de xullo no World Music Contest, que reúne a máis de 300 agrupacións de todo o mundo
  • “Formar parte deste certame constitúe un recoñecemento ao máximo nivel artístico”, sinalan os deputados

A Agrupación Musical da Limia fará historia ao representar, o vindeiro 25 de xullo, á provincia de Ourense e á Galicia no World Music Contest (WMC) de Kerkrade (Países Baixos), considerado o festival e o concurso internacional de música de vento e percusión máis prestixioso do mundo.

Os deputados autonómicos Cristina Campero e José Luis Ferro asistiron ao concerto de despedida da banda antes da súa viaxe aos Países Baixos, amosando o respaldo da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia a unha participación que supón “unha extraordinaria oportunidade para proxectar o talento musical ourensán no escenario internacional”.

Tal e como sinalaron, a presenza da Agrupación Musical da Limia no WMC é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense e do Concello de Xinzo de Limia, institucións que apostan pola promoción da cultura e das bandas de música como un dos sinais de identidade da nosa Comunidade.

Celebrado cada catro anos, o festival reúne máis de 300 agrupacións de todo o mundo e está considerado como o Mundial da Música de Vento. “Formar parte deste certame constitúe un recoñecemento ao máximo nivel artístico e sitúa á Agrupación Musical da Limia entre as mellores bandas do panorama internacional”, remarcaron, tras apuntar que neste certame só acceden agrupacións de excelencia, tras superar un rigoroso proceso de selección.

A participación da formación limiá converte, así, a Ourense nun referente da excelencia musical galega e leva o nome da provincia a un dos escenarios culturais de maior prestixio do mundo.

Comparte este artigo