· O presidente provincial puxo deberes á nova dirección popular neste concello, subliñando que o obxectivo fundamental é “relanzar e ampliar o partido para recuperar o goberno municipal e as tradicionais maiorías obtidas noutras convocatorias electorais”
Os afiliados do Partido Popular de Ramirás acordaron por unanimidade constituír unha xestora local á cuxa fronte estará Manuel Alejandro Domínguez, en substitución do ata de agora presidente da agrupación local, Juan Carlos Rodríguez Matías.
O presidente provincial, Luis Menor, que acudiu á reunión da militancia, valorou positivamente que a decisión de crear unha xestora adoptárase por unanimidade, “o que pon de manifesto a unidade que existe no PP de Ramirás”.
Menor puxo deberes á nova dirección popular neste concello, subliñando que o obxectivo fundamental é “relanzar e ampliar o partido para recuperar o goberno municipal e as tradicionais maiorías obtidas noutras convocatorias electorais”.
O líder dos populares ourensáns tivo palabras de agradecemento para Rodríguez Matías por todo o traballo realizado nestes máis de vinte anos na política municipal, tempo durante o que foi alcalde en minoría no mandato 2015-2019 “sendo quen de demostrar capacidade de diálogo e pacto para garantir os mellores servizos á veciñanza”.
Luis Menor lembrou que os resultados electorais en 2023 deixaron un complexo escenario no concello -tres edís para PP, socialistas e nacionalistas-, así como o incumprimento por parte da alcaldesa socialista do pacto polo debería ter cedido ao portavoz popular o bastón de mando en Ramirás en xuño de 2025.
O acordo de creación da xestora e da proposta para a súa presidencia terá que ser ratificada na próxima Xunta Directiva que convoque o Partido Popular de Ourense. Esta xestora fai a número 14 das creadas ata o momento en toda a provincia, que xunto coa vintena de congresos locais celebrados fai que case a metade das agrupacións locais do PP na provincia estean actualizadas ou en proceso de renovación.

