O PP denuncia o bloqueo de PSOE e DO ao transporte aos polígonos industriais e acúsaos de demagoxia ao rexeitar unha proposta que busca dar resposta a unha demanda histórica do tecido empresarial e dos traballadores

Redacción
Pleno ordinario do mes de setembro da Deputación Ourense. Asisten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (Vicepresidenta 1ª), Cesar Fernández Gil (Vicepresidente 2º), Plácido Álvarez Dobaño (Vicepresidente 3º), Rosendo Fernández (Deputado PPOU), Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU), José Miguel Pérez Blecua (Deputado PPOU), Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU), Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU), María del Carmen González Quintela (Deputada PPOU), José María Lago Cabo (Deputado PPOU), María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU), Emilio Luis Díaz Vidal (Deputado PSOE), Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE), Eva María Pérez Gamote (Deputada PSOE), Susana Rodríguez Rodríguez (Deputada PSOE), Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE), Sherezade Núñez Rodríguez (Deputada PSOE); Antonio Fernández Martín (Deputado DO), Francisco Lorenzo López (Deputado DO), Rafael Martínez Cachafeiro (Deputado DO), Bernardo Varela López (Deputado BNG), Xosé Manuel Puga González (Deputado BNG), María José Mangana Guede (Deputada BNG), ), Xosé Carlos Valcárcel Doval (Grupo Mixto), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).
  • A vicepresidenta do PPdeOU e vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa, critica que PSOE e DO traten de enganar a cidadanía con mentiras, dicindo que con esta proposta a veciñanza quedará relegada a un segundo plano
  • Novoa subliña que a moción mantén as oito liñas planificadas e fixa un proxecto piloto de 12 meses para avaliar a demanda real antes de asumir custos desorbitados, “un traballo compatible co xa realizado na propia Comisión do Transporte Metropolitano e que só pretende avanzar nesta demanda tan necesaria na nosa provincia”
  • Os populares critican o pretendido “sablazo” do Concello de Ourense, que pretende gastar 2 millóns de euros por ampliacións das liñas nun percorrido de 3 a 5 km, cando o contrato total do transporte urbano ronda os 7 millóns

O Grupo Provincial do Partido Popular de Ourense lamenta a nova alianza entre o PSOE de Ourense e Democracia Ourensana (DO) para votar en contra do proxecto piloto de transporte público dirixido ás áreas empresariais e polígonos industriais da contorna da cidade que propoñía o GPP, a través dunha moción debatida no Pleno da Deputación celebrado hoxe. Unha proposta que tiña como obxectivo dar resposta a unha demanda histórica do tecido empresarial e dos traballadores, adaptando os horarios e frecuencias ás quendas laborais reais.

A vicepresidenta do PPdeOU e vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa, critica que PSOE e DO traten de enganar a cidadanía con mentiras, dicindo que con esta proposta a veciñanza quedará relegada a un segundo plano.

Subliña que a moción mantén as oito liñas planificadas e fixa un proxecto piloto de 12 meses para avaliar a demanda real antes de asumir custos desorbitados, “un traballo compatible co xa realizado na propia Comisión do Transporte Metropolitano e que só pretende avanzar nesta demanda histórica e tan necesaria na nosa provincia”.

A moción, engade, buscaba implantar un modelo viable, medible e financeiramente responsable. “O noso proxecto piloto contempla unha duración limitada a un ano para analizar a demanda real, avaliar a puntualidade e coñecer o custo exacto por viaxe antes de tomar decisións definitivas”, destaca Marta Nóvoa.

MANTEMENTO DAS 8 LIÑAS E RIGOR ORZAMENTARIO

Fronte ás mentiras vertidas sobre a proposta, aclara que o plan non elimina ningunha das opcións de mobilidade previas: “Garántese o mantemento das oito liñas planificadas, sen desbotar ningunha delas, pero abordando a conexión dos polígonos mediante unha memoria económica diferenciada e rigorosa”.

Neste sentido, Marta Novoa puxo o foco no “sablazo” económico que pretendía executar o Concello de Ourense. O goberno municipal pretendía imputar un custo de 2 millóns de euros por ampliar 8 liñas nun percorrido de tan só 3 a 5 quilómetros. Unha cifra desmedida se se ten en conta que a totalidade do contrato de transporte urbano de toda a cidade de Ourense supón pouco máis de 7 millóns de euros.

UN BLOQUEO QUE PERXUDICA AOS TRABALLADORES OURENSÁNS

Desde o Grupo Provincial do PP de Ourense consideran “curioso” que PSOE e DO volvan unirse, nesta ocasión para bloquear iniciativas que benefician directamente á veciñanza, primando os intereses políticos sobre as necesidades dos traballadores e do tecido produtivo da provincia.

“Nós témolo claro: Ourense non se frea. Pese ao seu voto en contra, dende o Partido Popular comprometémonos a seguir defendendo servizos públicos de calidade, ben xestionados, útiles para a xente e con absoluta transparencia no uso dos recursos públicos”, conclúe Marta Nóvoa.

Comparte este artigo