· A coordinadora de Sanidade do partido, Encarna Amigo, lamentou que socialistas e nacionalistas só saiban “confrontar” e dicir non a todo, criticando as medidas do Goberno de Alfonso Rueda pero “permitindo o indefendible co Goberno de España”, único responsable de que non haxa médicos
· Os membros da comisión confrontaron os avances no centro verinés co “alarmismo e as mentiras” que se están a lanzar desde determinados colectivos, máis o PSOE e BNG “que seguen coa crítica falsa e desmedida aos servizos públicos galegos cando se achegan eleccións”
O PPdeG pon en valor o esforzo do Goberno galego pola mellora continua de servizos, emprego estable e investimentos no Hospital comarcal de Verín fronte as manobras partidistas que só xeran “confusión interesada” ante a cidadanía.
“O acceso a unha sanidade pública de calidade esta garantida neste centro”, afirmou a coordinadora de Sanidade, Encarna Amigo, que presidiu a reunión celebrada esta tarde en Verín para analizar os avances na atención sanitaria neste hospital, confrontando os adiantos co “alarmismo e as mentiras” que se están a lanzar desde determinados colectivos, máis o PSOE e BNG “que seguen como sempre o mesmo “modus operandi” de crítica falsa e desmedida aos servizos públicos galegos cando se achegan eleccións.
Encarna Amigo lamentou que socialistas e nacionalistas só saiban “confrontar” e dicir non a todo, criticando as medidas do Goberno de Alfonso Rueda pero “permitindo o indefendible co Goberno de España”, cunha dobre vara de medir que se reflicte na “actitude manseliña” que amosan ante o Goberno central para non denunciar, por exemplo, a falta de profesionais. Un Goberno que é o “único responsable de que non haxa médicos, un problema que afecta a toda España”.
Fronte ao xogo partidista de PSOE e BNG, Encarna Amigo subliñou a continua aposta do Goberno galego polos hospitais comarcais, que no caso de Verín atópase nun dos mellores momentos en prestación de servizos, emprego estable, instalacións actualizadas e modernas e, xa contempladas, futuros investimentos.
MÁIS PROFESIONAIS MÉDICOS E INVESTIMENTOS
Na reunión da Comisión de Sanidade púxose de manifesto que o Hospital de Verín ten unha notable cobertura médica, aumentando nun 37,5% o número de profesionais médicos entre 2024 e 2025, con 15 novos especialistas en áreas clave. Na actualidade, tres de cada catro profesionais teñen praza en propiedade.
Sobre a carteira de servizos, o centro sanitario verinés reforzará a súa atención no próximo mes de setembro cun novo equipo de Hospitalización a Domicilio (HADO) e no tocante a infraestruturas, o hospital posúe un novo edificio con case 1.500 metros cadrados para urxencias e PAC que supuxo un investimento de case 5 millóns de euros, cantidade á que se sumará 1,5 millóns que van ser licitados este ano para o servizo de hospital de día e outras actuacións.
Na cita desta tarde, que tamén contou coa presenza da secretaria xeral do PPdeOU, Sandra Quintas, e do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Santiago Camba, tamén se analizaron os tempos de espera no centro verinés: un veciño da comarca agarda 56 días menos que a media de España para unha cirurxía e 41 menos para unha consulta co especialista, con ata 8 especialidades con menos de vinte días de espera e dúas máis cun só día.
Encarna Amigo rexeitou rotundamente “a politización de temas tan importantes como a sanidade”. Así, denunciou que, mentres o resto de formacións xogan coa tranquilidade da veciñanza, dende o PPdeG “seguiremos traballando como ata agora: por e para a xente e tratando de mellorar os servizos, plantilla, equipamento, tecnoloxía e infraestrutura, de modo constante como vén de facer o Goberno galego”.

