O Concello recorrerá a resolución diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
A sección do Contencioso-administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense, praza 1, ditou unha sentenza que anula o cesamento da tesoureira municipal. A resolución estima os recursos interpostos pola funcionaria e polo Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local e anula e deixa sen efecto o decreto da Alcaldía polo que se procedera ao seu cese no posto da Tesouraría Xeral do Concello de Ourense.
O fallo condena o Concello á reincorporación inmediata da recorrente ao seu posto de traballo. Así mesmo, recoñece o dereito da traballadora a percibir todos os efectos económicos e administrativos derivados desta decisión.
O Concello de Ourense recorrerá esta sentenza a través dun recurso de apelación ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

