Redacción

O Pavillón da Macoca conta con novos vestiarios

Nesta reforma integral e noutras obras complementarias investíronse 184 mil financiados con fondos do II II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación

Tui. Mércores, 23 de setembro de 2026

O pavillón deportivo da Macoca, en Pazos de Reis, conta con vestiarios renovados tras a reforma integral dos mesmos realizada polo Concello de Tui.  Esta actuación, xunto a outras obras complementarias contou cun financiamento de 184.017,41€ a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o deputado provincial Alejandro Lorenzo, procederon esta mañá á inauguración das actuacións realizadas, xunto ao concelleiro de Deporte, Rafael Estévez, o presidente da Entidade Local Menor de Pazos de Reis, Óscar Méndez, o voceiro do Partido Popular, Nico Montes, e representantes da Entidade Local Menor, e dos clubs de atletismo, baloncesto e balonmán que adestran nestas instalacións.

Neste inicio de temporada deportiva as persoas usuarias do pavillón da Macoca poden empregar xa os novos vestiarios, equipados con taquillas e duchas, e contando un adaptado.  Nesta actuación tamén se procedeu á canalización perimetral da recollida de augas, para dar solución á entrada de auga que se producía no interior do pavillón por filtración a través das paredes dende a pista de atletismo.  Tamén se procedeu a instalación dun marcador deportivo electrónico.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu á Deputación a “liña implementada pola Deputación de Pontevedra para financiar obras en equipamentos deportivos” que permitiu a realización desta obra, e repasou as actuacións realizadas ao abeiro da anterior convocatoria do Plan Extra cunha actuación no pavillón de Randufe. Avanzou amais o obxectivo é “ir facendo todas as obras e reformas que demandan os clubs e usuarios nos distintos pavillóns”. Lembrou amais anteriormente con fondos propios leváronse a cabo os vestiarios do pavillón de Guillarei, e resta agora por completar estas obras nos pavillóns de Rebordáns e Caldelas. Avanzou que ao abeiro do III Plan de Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación procederase á substitución do céspede artificial do campo de fútbol de Ribadelouro.

O deputado provincial Alejandro Lorenzo, destacou o apoio por parte da entidade provincial aos concellos da provincia con convocatorias coma este II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. Engadiu que a Deputación de Pontevedra está unha vez máis apoiando aos clubs deportivos, a mellorar as infraestruturas deportivas e a calidade de vida da cidadanía.

O pavillón deportivo da Macoca é empregado para adestramentos ou competicións polo Club Baloncesto Tui, o Club Balonmán Tui, o Club Atletismo Tui, o Club Tenis Tui, e a Entidade Local Menor de Pazos de Reis. Tamén acolle outras probas ao longo do ano coma o Trail do Aloia, eventos de BTT, xornadas de atletismo escolar, ou convivencias educativas.

Comparte este artigo