Redacción

O CONCELLO DE ARBO SACA A LICITACIÓN AS OBRAS DE REHABILITACIÓN E CONSERVACIÓN DO VIAL ENTRE ARBO E PARAVEDRA/ABELENDA POR MÁIS DE 109.000 EUROS

  • A actuación, subvencionada ao abeiro do Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento de 109.185,03 € e un prazo de execución de dous meses.
  • Os traballos abranguerán unha lonxitude de 6.680 metros para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e o firme deteriorado polo uso e o clima.

Arbo, 29 de setembro de 2026. O Concello de Arbo informa de que xa se atopa aberto o período de licitación, a través da plataforma de contratación do Estado, para o proxecto de «Rehabilitación e conservación de vial entre Arbo e Paravedra/Abelenda». A intervención conta cun orzamento total de 109.185,03 € (IVE do 21 % incluído) e está subvencionada ao abeiro do Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra.

A extensa rede de viarios municipais de Arbo garante a conectividade entre os distintos núcleos de poboación, servindo de soporte para o desenvolvemento económico local, o acceso aos recursos naturais e a comunicación veciñal. O viario obxecto desta actuación desenvólvese en sentido norte-sur e vertebra as comunicacións de parte da zona central do municipio, desde a estrada PO-400 ata a EP-5206, preto do límite co concello da Cañiza, dando servizo a un número significativo de veciños e veciñas.

Neste sentido, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, subliña a importancia desta intervención: «Esta actuación é fundamental para garantir a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños. Trátase dunha vía estratéxica que vertebra o interior do noso concello e que sufrira un importante desgaste, especialmente tras o duro inverno pasado».

Co paso do tempo, o incremento do tráfico rodado e as inclemencias meteorolóxicas provocaron unha degradación natural e progresiva do pavimento, afectando á confortabilidade e á seguridade da condución. A obra ten por obxecto definir e valorar as actuacións necesarias para a conservación e rehabilitación do firme, ademais de mellorar a drenaxe superficial.

As obras adaptaranse ás necesidades específicas de cada tramo do percorrido e clasificaranse en tres tipos principais de intervención: por un lado, realizarase unha rehabilitación profunda do firme; por outro, aplicarase un tratamento superficial e de impermeabilización; e, finalmente, acometerase a mellora da drenaxe. O prazo de execución estimado para a totalidade das obras é de dous meses.

«Cunha inversión de máis de 109.000 euros grazas ao apoio do Plan Vía Depo da Deputación de Pontevedra, imos dar unha solución integral e duradeira. Non só melloramos o firme para unha condución máis cómoda e segura, senón que actuamos na drenaxe para evitar o deterioramento futuro da estrada», explica o rexedor local sobre os traballos proxectados.

Esta intervención xera un impacto directo e positivo sobre a accesibilidade na contorna, facilitando os desprazamentos diarios da poboación cara a servizos básicos como centros de saúde, centros educativos e dependencias administrativas. Blinda a conectividade permanente entre os núcleos de poboación e a rede viaria principal, reducindo ademais os custos de mantemento a medio e longo prazo.

Para concluír, Horacio Gil reafirma o compromiso do goberno municipal coa mellora das infraestruturas do concello: «O noso compromiso é seguir investindo na conservación da rede de viarios municipais para garantir un acceso cómodo e seguro a todos os servizos básicos e mellorar a conectividade de Arbo».

Comparte este artigo