Redacción

O BNG denuncia un novo corte de luz na zona alta de Poio sen que o goberno de Moldes se preocupe por dar explicacións nin solucións
Marga Caldas preguntou hoxe na Comisión de Urbanismo se os apagóns teñen relación coas obras da PO-308, nas que se estaba a levantar o cableado soterrado
A nacionalista subliña que o malestar da veciñanza é grande, xa que as interrupcións da subministración son reiteradas nos últimos meses
O BNG de Poio denunciou hoxe un novo corte de subministración eléctrica na zona alta de Poio: a rúa da Valiña e parte da Caeira quedaron onte sen luz durante aproximadamente unha hora, coincidindo coa hora da comida, e nun momento no que moita veciñanza estaba a chegar aos seus domicilios. O corte afectou tanto ás vivendas como tamén aos negocios da zona e deixou numerosas persoas sen posibilidade de acceder aos garaxes, ao non funcionar os mecanismos das portas, nin tampouco de utilizar cociñas eléctricas, fornos e microondas nun momento crítico. Nos establecementos como supermercados ou bares tampouco era posible realizar pagamentos con tarxeta.
A portavoz municipal do BNG Marga Caldas subliña que o episodio volve poñer de manifesto un problema que xa se produciu en varias ocasións, tanto de día como de noite. Precisamente, a concelleira aproveitou hoxe a Comisión de Urbanismo para preguntar ao goberno de Moldes se ten identificada a orixe dun problema que o Bloque leva denunciando dende hai tempo. Solicitou tamén aclaracións sobre que medidas ten previsto adoptar para resolvelo e se existe algunha relación coas obras da PO-308. Caldas advertiu que onte, de feito, o corte coincidiu coa realización de traballos de levantamento do cableado soterrado no ámbito de actuación da estrada.
Segundo explica a portavoz nacionalista, a presidenta da comisión limitouse a responder que os apagóns “levan producíndose 10 anos” e que o Concello está “na busca de solución”, sen achegar máis información sobre as causas ou as medidas previstas. Caldas considera que esta explicación non se corresponde coa situación que está a vivir actualmente a veciñanza. “Pode que nalgunha ocasión se producise algún corte anterior, pero nunca de día nin coa reiteración coa que están acontecendo nos últimos meses, e tampouco sen que houbese relación con fenómenos meteorolóxicos.
A formación nacionalista critica que mentres o malestar veciñal vai “in crescendo” ante unha problemática que non é puntual -senón continuada e cada vez máis habitual-, o goberno local non explique se está a manter contacto coa empresa subministradora, coa adxudicataria das obras da PO-308 ou con quen poida ter responsabilidade sobre as interrupcións, nin se está a barallar solucións posibles que poñer enriba da mesa.

“O que demostra o goberno local é que, aínda que o ‘mosqueo’ da xente é ‘bonito’, non teñen nin idea de onde vén o problema”, asegura Caldas, quen reclama ao Concello que deixe de limitarse a constatar os cortes e actúe para aclarar a súa orixe e evitar que se sigan a producir. Destacou que o BNG continuará dando voz ás reclamacións da veciñanza e trasladando esta problemática ás comisións municipais e ao Pleno até que o goberno de Moldes “se poña a traballar” para garantir un subministro eléctrico continuado e sen cortes. “O que non pode ser é que todo isto se repita e despois de meses de denuncias sigamos sen unha explicación clara”, lamenta.

Comparte este artigo