O concello de Salvaterra de Miño organiza un escape room sobre a igualdade para reflexionar sobre os estereotipos e a desigualdade de xénero

Redacción

A actividade, financiada a través da subvención para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, terá lugar os sábados 24 e 31 de outubro na Praza do Concello

O Concello de Salvaterra de Miño organizará o “Escape Room: Escapa da desigualdade”, unha actividade educativa e participativa que ten como obxectivo fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e promover a reflexión sobre os estereotipos e as desigualdades de xénero.

A iniciativa está financiada a través da subvención dirixida ao fomento da igualdade de oportunidades e á prevención da violencia de xénero e propón unha experiencia lúdica na que as persoas participantes deberán traballar en equipo para superar diferentes retos e enigmas relacionados coa igualdade.

A actividade está deseñada para grupos de ata 6 persoas, cun máximo de 36 participantes por sesión. Está previsto realizar ata 4 sesións, polo que poderán participar un máximo de 144 persoas. Cada experiencia terá unha duración aproximada dunha hora.

O fío condutor do escape room será a historia de Carmen, unha muller que, hai máis dun século, conseguiu construír o seu propio camiño e converterse nunha muller de éxito a pesar das dificultades, obstáculos e trabas que tivo que afrontar por razón de xénero.

Ao longo do xogo, os equipos deberán resolver diferentes probas vinculadas con cuestións como os estereotipos de xénero, os micromachismos presentes na sociedade actual, o papel das mulleres ao longo da historia e a súa loita polo recoñecemento dos seus dereitos, así como a importancia de traballar pola igualdade desde a infancia.

Os distintos retos incorporarán tamén conceptos, terminoloxía e contidos relacionados coa fortaleza, capacidade e autonomía das mulleres, buscando que as persoas participantes aprendan e reflexionen sobre a igualdade dun xeito dinámico, participativo e entretido.

DÚAS XORNADAS, CON SESIÓNS PARA DIFERENTES IDADES

O sábado 24 de outubro a actividade estará dirixida ás persoas adultas, con dúas sesións programadas ás 10:30 e ás 12:00 horas.

Pola súa banda, o sábado 31 de outubro será a quenda de infancia e xuventude, tamén con sesións ás 10:30 e ás 12:00 horas.

A actividade desenvolverase na Praza do Concello. En caso de choiva, trasladarase á Casa da Cultura.

As persoas interesadas en participar deberán realizar a súa inscrición previamente. Para reservar praza poden contactar a través do teléfono ou WhatsApp 698 169 348, ou mediante o correo electrónico area60pontevedra@gmail.com.

Con esta proposta, o Concello de Salvaterra de Miño busca achegar a igualdade de xénero á cidadanía a través dunha actividade participativa, empregando o xogo e o traballo en equipo como ferramentas para identificar situacións de desigualdade, cuestionar estereotipos e promover relacións baseadas no respecto e na igualdade de oportunidades.

Comparte este artigo